A Deputación pon en marcha o programa Depoforest para mellorar a empregabilidade no sector forestal e no medio natural

Este luns 21 de novembro os cursos comezan en Moaña e O Rosal enfocados a persoas en situación de desemprego, e continuarán en Caldas, A Cañiza, Portas e na provincia de León

20/11/2022

Co fin de mellorar a capacidade de atopar traballo de persoas en situación de desemprego e apostar pola creación de emprego verde e a protección do monte, a Deputación pon en marcha unha serie de accións formativas en varias concellos de Pontevedra e na provincia de León ao abeiro do proxecto “Depoforest”. En concreto, este luns 21 de novembro terá lugar o primeiro dos cursos, que se desenvolverá nos concellos de Moaña e O Rosal. Xa en decembro, o día 12, a formación desenvolverase nos concello de Caldas de Reis, A Cañiza e Portas e proximamente anunciaranse datas para os que terán lugar na provincia de León, concretamente en Luyego e Brañuelas (Villagatón).

Os cursos, que teñen unha duración de 60 horas, contan cunha formación teórica en aula de 22 horas e unha formación práctica que terá lugar en parcelas forestais de 38 horas e versarán sobre a xestión integral de aproveitamento de piñeirais  na que se incidirá no aproveitamento madeireiro mesturado con outros tipos de aproveitamentos complementarios, como o resineiro, o micolóxico ou o silvopastoral. En cada un dos cursos, que son gratuítos, participarán 20 persoas e están dirixidos a persoas desempregadas, tanto titulares de parcelas como habitantes do medio rural que teñan interese en desenvolver esta actividade de maneira externa, co fin de mellorar a súa empregabilidade e aumentar as súas competencias.

A Deputación de Pontevedra puxo en marcha o proxecto “Depoforest – Xestión integral e aproveitamento de piñeirais” coa finalidade de facer fronte ao reto demográfico e ao despoboamento territorial. O proxecto, que conta cun orzamento de 102.467 euros, dos cales 92.220 euros están financiados polo Fondo Social Europeo a través do Programa Empleaverde da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, busca introducir a través da formación os coñecementos necesarios para realizar xestión forestal a longo prazo para obter a maior rendibilidade posible. Búscase, ademais, preservar e mellorar os socio-ecosistemas relacionados coa actividade de extracción de resinas naturais, garantino e potenciando a mestura de usos do monte