A Deputación, exemplo de boas prácticas na Xornada de Xestión de Residuos Eléctricos e Electrónicos celebrada en Vilagarcía
Carmela Silva: “Somos a referencia en Galicia e no Estado en tratamento dos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos. Somos a provincia do medio ambiente”
15/02/2023
“Somos a referencia en Galicia e no Estado en tratamento de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos. Somos a provincia do medio ambiente”. Así de contundente se mostrou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, na inauguración hoxe da xornada celebrada en Vilagarcía de conclusións do proxecto europeo de Estratexia Sostible Transfronteiriza para a Xestión dos Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos (ESTRAEE), que a Deputación lidera desde 2018, xunto a socios de España e Portugal. ESTRAEE, que contou cun financiamento de 2,15 millóns de euros, procedentes do FEDER nun 75% do Programa de Cooperación Transfronteiriza entre España e Portugal (POCTEP), tiña como obxectivo mellorar a xestión e recollida de residuos eléctricos e electrónicos, así como impulsar a xeración de emprego, pois, en palabras da presidenta, é “fundamental que xeremos actividade económica vinculada ao tratamento do medio ambiente; pero tamén a innovación, a especialización e o desenvolvemento tecnolóxico nun espazo tan fermoso como é o fronteirizo entre o norte de Portugal e o sur de Galicia”.
Carmela Silva, que estivo acompañada polo alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e o director da Associação de Municípios para Gestão Sustentável de Resíduos do Grande Porto (LIPOR), Fernando Leite, quixo mostrar o seu “orgullo e agradecemento” aos nove puntos limpos que participaron no proxecto ESTRAEE (Gondomar, A Guarda, A Lama, Meaño, Nigrán, Ponteareas, Silleda, Vilagarcía de Arousa e Mancomunidade do Morrazo), que dan servizo a preto de 200.000 habitantes, por recuperar máis de 1.685 toneladas de residuos eléctricos e electrónicos desde 2019, equivalente a máis de 2,4 kg por habitante e por ano. “Duplicamos a media española, que é de 1,45 kg/habitante, e incluso triplicamos a media galega, que se atopa en 0,84 kg. Sentídevos orgullosas e orgullosos do traballo desenvolvido, dun traballo moi ben feito”, subliñou a presidenta.
Por outra banda, Carmela Silva fixo fincapé na importancia de liderar proxectos como ESTRAEE desde o mundo local, o que “máis capacidade ten para facer fronte aos grandes retos que se nos presentan. Sen a implicación directa, apaixonada e convencida da recuperación do medio ambiente dos concellos nada seremos capaces de facer –asegurou-. O mundo local amosa un grandísimo compromiso con todas as políticas ecolóxicas de recuperación do medio ambiente e do tratamento de todo tipo de residuos, particularmente os eléctricos e electrónicos”. Por iso, quixo facer un chamamento “para que todas as administracións traballemos conxuntamente”, ao tempo que anunciou que este é só “o inicio do proxecto, xa que terá continuidade no futuro”. “Non é momento de pensar e de facer grandes teses doutorais: é a hora de actuar, de tratar eses residuos”.
O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, lembrou a necesidade de traballar para “respectar e coidar os recursos naturais, para garantir que cheguen ás xeracións futuras en condicións óptimas, algo para o que estamos traballando nos municipios, se ben moitas veces sobran intencións e faltan recursos técnicos e económicos”. Por iso, remarcou a importancia de proxectos como o ESTRAEE, que permitiu mellorar o punto limpo de Vilagarcía, “un dos primeiros que existiron en Galicia”, ademais de crear outro centro de recollida de RAEE para pequenos aparellos, actuacións que se completaron coa adquisición de puntos limpos móbiles. En 2022 recolléronse no punto limpo de Vilagarcía 27,3 toneladas de residuos RAEE, 10,2 de pequenos aparellos e outros 17 de televisión, pantallas led e elementos similares. “Para nós foi un reto de xestión, que fixo preciso ampliar as instalacións, adaptalas ás novas e numerosas categorizacións dos residuos, mellorar as infraestruturas e o sistema de almacenamento e seguridade dos materiais contaminantes e adaptalas aos estándares de calidade e aos cambios lexislativos correspondentes. Puxemos todo o que puidemos e, ademais, quero agradecer a sensibilidade e colaboración da Deputación”.
Pola súa parte, o director de LIPOR, Fernando Leite, explicou como a asociación lusa introduciu a xestión de residuos na cadea de valor a través de prácticas innovadoras. “ESTRAEE permitiunos potenciar moito máis as prácticas de prevención de residuos, que constitúe o piar do modelo de xestión sostible de recursos de LIPOR”. Desta maneira, nos 9 “ecocentros” (puntos limpos) nos que se actuou en Portugal reparáronse e reutilizáronse 8 toneladas de equipos desde 2020, que tiñan o potencial de emitir 22,2 toneladas de emisións de CO2. En total, foron 640 as toneladas de RAEE recolectadas. O presidente do Consello de Administración de LIPOR e presidente da Cámara Municipal de Valongo, José Manuel Ribeiro, que interveu a través de vídeo, lembrou que o “nivel de produción de equipamentos eléctricos e electrónicos é un dos maiores desafíos globais en materia de sostibilidade” pois, sen unha correcta xestión, “levan asociados importantes riscos para o medio ambiente e a saúde pública”. Por iso considera vital a labor realizada a través do ESTRAEE, que lles permitiu “dar importantes pasos na xestión municipal deste residuos, promovendo ademais unha maior circularidade”.
Na xornada, as persoas asistentes puideron coñecer os resultados e as boas prácticas deste proxecto transfronteirizo da man dos socios participantes: o centro tecnolóxico Energylab da Universidade de Vigo, Revertia, LIPOR e a Plataforma Europea de Reciclaxe (ERP) España e Portugal. Ademais de adaptar os puntos listos, a través de ESTRAEE a Deputación ten disposto procesos e procedementos estandarizados para a recepción e clasificación en puntos limpos , ordenanzas comúns adaptadas á lexislación española e portuguesa e información para a transformación dixital dos procedementos de xestión deste tipo de residuos. Tamén se presentaron en Vilagarcía boas prácticas no desenvolvemento normativo a nivel municipal na xestión dos residuos de aparellos eléctricos e desenvolvéronse tres mesas de debate sobre as modificacións normativas que afecta á xestión dos RAEE nos ámbitos comunitario, estatal e autonómico; tecnoloxía para a economía circular; e dixitalización e novas formas de potenciar a reutilización e reciclaxe.