O proxecto ESTRAEE da Deputación, exemplo de boas prácticas no Congreso Nacional de Residuos de Aparatos Eléctricos e Electrónicos
O encontro reuniu a máis de 300 profesionais da reciclaxe que puideron coñecer este programa europeo, orientado a poñer en marcha unha estratexia sostible transfronteiriza para reforzar a separación e correcta xestión deste refugallo
23/09/2022
O proxecto europeo ESTRAEE, liderado pola Deputación de Pontevedra con participación de Energylab, Revertia, ERP e Lipor, chegou ao IV Congreso Nacional de Residuos de Aparatos Eléctricos e Electrónicos (RAEE), celebrado en Zaragoza, como exemplo de boas prácticas no ámbito de reutilización, como o definiu a directora de Operacións de ERP RAEE, Maite Etayo Lucas, na mesa de debate “Previr e reutilizar” celebrada no marco do encontro nacional. En Zaragoza, coa participación da Deputación de Pontevedra, reuníronse ao longo dos últimos dous días a máis de 300 profesionais da reciclaxe para debater sobre as últimas novidades do sector e as mellores prácticas baixo o lema “Comprometidos polo medio ambiente”. Ademais de con persoal técnico responsable do ESTRAEE, a Deputación tamén estivo presente cun panel informativo sobre o proxecto, no que os asistentes puideron descubrir que é o ESTRAEE en maior profundidade.
O proxecto ESTRAEE naceu a finais de 2017 para impulsar no espazo transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal a xestión óptima dos RAEE. Cun orzamento de máis de 2 millóns de euros, o 75% financiado polo FEDER, foi unha experiencia piloto cara a transición ecolóxica para sentar as bases da xestión dos RAEE que supuxo a adaptación á normativa europea de 9 puntos limpos na provincia (Meaño, A Guarda, Gondomar, Nigrán, Mancomunidade do Morrazo, Ponteareas, Silleda e Vilagarcía) e outros 9 en territorio portugués (Cal, Custóias, Formiga, Moreira, Nogueria, Prelada, Sendim, Silvalde e Valongo).
Entre outras accións, os puntos limpos dotáronse de equipamento, como sistemas de vixilancia, de control de accesos, transpaletas ou equipos informáticos, entre outros. Por outra banda, dentro das accións levadas a cabo no marco do proxecto ESTRAEE estiveron a definición de ordenanzas tipo sobre xestión sostible dos RAEE, a análise do ciclo de vida comparando reutilización e reciclaxe de diferentes tipos de aparatos, como lavadoras, lavalouzas, tablets o smartphones, e a creación dunha páxina web na que se poñen a disposición da ONG RAEE e doutras partes interesadas os residuos de aparatos eléctricos e electrónicos reutilizables procedentes de instalacións municipais. Coa finalidade de promover a reciclaxe e reutilización, por outra banda, instaláronse EcoPuntos, puntos de recollida de RAEES, en cada un dos concellos que participaron no proxecto con caixas de recollida de diferentes materiais como teléfonos móbiles, pilas ou cargadores
Ademais de impulsar a transición ecolóxica transfronteiriza e a xestión dos RAEE, entre os obxectivos deste proxecto estaba impulsar a economía circular de mercado de materias primas secundarias; promover a innovación, o desenvolvemento tecnolóxico e a xeración de emprego verde; mellorar o sistema municipal de recollida e adecuación dos puntos limpos; identificar as categorías de RAEE susceptibles de ser reutilizadas, ou establecer o procedemento de acceso aos centros de preparación para a reutilización (CPR) dos mesmos, entre outras.