#IGUALDADE
Ateneo Provincial pola Igualdade
da Deputación de Pontevedra
O Ateneo Provincial pola Igualdade da Deputación de Pontevedra é un recurso público especializado, posto á disposición de toda a cidadanía da provincia, que ten por obxecto ser un referente na promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.
O seu obxectivo principal é a investigación e divulgación artístico-cultural e científica con perspectiva de xénero.
Desde este espazo búscase fomentar a reflexión arredor da idea da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. Ao mesmo tempo, incentívase a realización de estudos que axuden a detectar as eivas que impiden a súa consecución en diferentes ámbitos, así como a prevención e a detección das diferentes formas de violencia machista.
A programación prevista desde o Ateneo está pensada para procurar a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes na provincia, e fomentar os coñecementos científicos, técnicos e artísticos que axuden a reducir as fendas de xénero.
Trátase dun espazo itinerante que percorrerá todos os concellos da provincia de Pontevedra e que conta cunha ampla oferta na súa programación.
Os alicerces do Ateneo son o coñecemento, a creación e o progreso.
Coa premisa de “coñecer-crear-progresar” articúlase a actividade, que se levará a cabo baixo o paraugas do Ateneo Provincial pola Igualdade, e que terá por obxectivo:
- Coñecer a situación das mulleres e dos homes nos diferentes ámbitos.
- Crear contidos con perspectiva de xénero (epistemoloxía feminista).
- Progresar na consecución da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.
Os eixes de actuación do Ateneo englóbanse nos seguintes ámbitos:
Ciclos culturais. Actividades culturais das diferentes disciplinas desde a perspectiva feminista no territorio.
Campañas de sensibilización centradas no rexeitamento de todas as formas de violencia sobre as mulleres, no fomento da coeducación, na corresponsabilidade nos coidados e na participación activa das mulleres en todas as esferas da sociedade.
O Ateneo Provincial pola Igualdade da Deputación de Pontevedra responde así á firme intención de crear contidos, implementar programas e difundir o coñecemento acerca de como acadar a verdadeira igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e derrubar o espellismo da igualdade. Para iso, proponse facelo desde unha perspectiva transversal, integrándoa non só no coñecemento profesional, senón tamén no enriquecemento persoal. Búscase construír un espazo de creación de coñecemento e divulgación, e tamén de encontro e de intercambio de experiencias das diferentes ramas profesionais que traballan na loita contra a violencia machista e na procura da igualdade efectiva entre mulleres e homes.