A Deputación esgota en menos dunha hora as prazas para participar nas próximas rutas dos programas Voando nas Rías Baixas e +Bosques

120 persoas participarán nas saídas de +Bosques que as levarán por espazos naturais da provincia todas as fins de semana de outubro

16/09/2024

A Deputación de Pontevedra esgotou en menos dunha hora todas as prazas dispoñibles para participar nas últimas rutas deste ano do programa provincial +Bosques, que se desenvolverán no mes de outubro, así como na próxima excursión de Voando nas Rías Baixas, que terá lugar o 29 de outubro polos campos e lagoas de Rouxique, en Sanxenxo.

No relativo a +Bosques a institución provincial programou o próximo mes un total de oito percorridos, a celebrar todos os sábados e domingos do mes, desde o sábado 5 no cabo Udra, en Bueu, ata o domingo 27, no pazo de Lourizán, en Pontevedra. Cun máximo de 15 participantes por actividade, unha vez completada a súa capacidade a Deputación mobilizará un total de 120 persoas neste programa o próximo mes.

Máis polo miúdo, as rutas programadas en outubro son as seguintes: no cabo Udra  (Bueu) o sábado 5, no Río Almofrei (Pontevedra) o domingo 6, na illa de Tambo (Poio) o sábado 12, no lago Castiñeiras (Marín e Vilaboa) o domingo 13 e o sábado 26, no pazo de Lourizán (Pontevedra) o sábado 19 e o domingo 27, e no río Xabriña (Covelo) o domingo 20. 

Con estas saídas péchase a programación de 40 itinerarios en sete espazos naturais, tanto da costa como do interior da provincia, cos que se pode coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra. As rutas concíbense como unha experiencia chea de estímulos para comprender o método de aplicación do “baño de bosque” e a conexión directa en e coa natureza. Promoverase a estimulación sensorial a través dos cinco sentidos, así como exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural da provincia.

Voando nas Rías Baixas

No relativo a Voando nas Rías Baixas a Deputación tamén esgotou este luns en menos dunha hora as 25 prazas dispoñibles para participar na sexta ruta ornitolóxica do programa. Impulsada pola institución provincial da man de Seo/BirdLife, terá lugar o domingo 29 de setembro nos campos e lagoas de Rouxique, en Sanxenxo. Ademais da lista de participantes, a institución provincial tamén pechou a lista de agarda das persoas que serán chamadas a participar no caso de que algunha das inscritas non poida asistir.

As lagoas de Rouxique son un espazo protexido pola Rede Natura 2000 no que conviven os campos de labranza coas antigas lagoas de extracción de barro. No outono, nesta ruta destacan os pasos migratorios de paxaros coma o chasco norteño, o papamoscas negro ou o picafollas musical. Tamén é posible ver aves acuáticas das lagoas (coma o pato frisado, o rabilongo, o asubión, o cullerete, etc.), a galiñola negra ou o mergullón pequeno, algunhas aves rapaces coma o lagarteiro común ou a tartaraña das xunqueiras, e os cullereiros, garzas e gran variedade de limícolas da contorna.

O programa Voando nas Rías Baixas contempla en 2024, ademais dos cinco percorridos xa realizados e este polos campos e lagoas de Rouxique, unha última ruta ornitolóxica por outro espazo da provincia de alto valor ecolóxico e protexido pola Rede Natura 2000: será en novembro no esteiro do río Miño (A Guarda).

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.