A Deputación esgota en menos de media hora as prazas para participar na última ruta do programa Voando nas Rías Baixas

A ruta impulsada da man de SEO/BirdLife celebrarase o 17 de novembro e permitirá observar aves no esteiro do río Miño, na Guarda

04/11/2024

A Deputación de Pontevedra esgotou este luns en menos de media hora as 25 prazas dispoñibles para participar na última das rutas ornitolóxica deste ano do programa “Voando nas Rías Baixas”. Esta actividade, impulsada pola institución provincial da man de Seo/BirdLife, celebrarase o domingo 17 de novembro no esteiro do río Miño, na Guarda. Ademais da lista de participantes, a institución provincial tamén pechou a lista de agarda das persoas que serán chamadas a participar no caso de que algunha das inscritas non poida asistir.

O esteiro do río Miño trátase dun espazo protexido pola Rede Natura 2000 que conta con gran diversidade de hábitats que atraen numerosas aves. No inverno e nos pasos migratorios poderemos observar aves acuáticas e mariñas, rapaces ou paxariños palustres que buscan refuxio nas súas ribeiras. Destacan as limícolas (mazaricos, biluricos, pilros ou avefrías), a variedade de gaivotas, diferentes especies de patos, garzas, rálidos, mergullóns e tamén aves mariñas como os carráns cristados. Así mesmo, tamén é posible ver aves rapaces, das que destacan a tararaña das xunqueiras, o lagarteiro común e a aguia pescadora, da que se sobresae a súa espectacular forma de pescar.

O percorrido será ofrecido por guías de ornitoloxía de SEO/BirdLife, e inclúe o desprazamento en autobús para a visita da zona na que ten lugar a actividade. As persoas participantes deberán levar roupa cómoda e calzado apropiado, e terán á súa disposición prismáticos e dous telescopios terrestres de alta gama para poder observar as aves sen molestalas. Ademais, recibirán cadansúa guía.

O programa “Voando nas Rías Baixas” contemplou en 2024 un total de sete percorridos por espazos da provincia de alto valor ecolóxico ou protexido pola Rede Natura 2000. Tratáronse, ademais do que falta por celebrar, o 17 de novembro, no esteiro do río Miño na Guarda, da foz da Ramallosa e praia América (Nigrán), do esteiro do río Lérez e o espazo intermareal Combarro Lourido (Pontevedra-Poio), das ribeiras do río Umia (Ribadumia e Cambados), da serra do Suído (A Lama, Fornelos de Montes e Covelo), da praia da Lanzada (Sanxenxo e O Grove) e dos campos e lagoas de Rouxique (Sanxenxo).