#MEDIONATURAL
Voando nas Rías Baixas
Rutas ornitolóxicas
A Deputación de Pontevedra vai desenvolver distintas accións de sensibilización da poboación da provincia sobre os nosos recursos culturais e naturais.
A paisaxe e a natureza constitúen un recurso turístico de primeiro nivel no destino Rías Baixas, e a ornitoloxía é unha actividade que atrae un numeroso público nacional e internacional. Por iso, a Deputación de Pontevedra, dentro das distintas accións de sensibilización da poboación da provincia que desenvolve sobre os nosos recursos culturais e naturais e tendo en conta o deber e a responsabilidade de conservar o medio natural, leva a cabo, un ano máis, o programa “Voando nas Rías Baixas”, conformado por sete itinerarios para observar e coñecer as distintas especies de aves que percorren zonas de alto valor ecolóxico e que, na súa maioría, contan con figuras de protección tan importantes coma a Rede Natura 2000.
As persoas afeccionadas á ornitoloxía, as amantes da natureza e todas aquelas interesadas poderán participar nestas rutas coordinadas pola asociación SEO/BirdLife.
EXCURSIÓNS DE 2024 PARA A OBSERVACIÓN DE AVES
Foz da Ramallosa e praia América (Nigrán)
Día da actividade: 14.01.2024
Prazo de inscrición: do 3, ás 9 h, ao 12 de xaneiro, ás 12 h - PRAZAS ESGOTADAS
A Foz da Ramallosa é un espazo intermareal que se atopa entre os concellos de Nigrán e Baiona (A Foz do río Miñor, na Ramallosa). Está protexido pola Rede Natura 2000, o que reflicte os seus valores naturais.
Este espazo, de alto valor ecolóxico, é moi cómodo para a observación de aves, non só polo preto que se poden avistar, senón tamén polo confiadas que se mostran cara ao ser humano.
Destacan as limícolas (mazaricos, biluricos, pilros…), a variedade de gaivotas, diferentes especies de garzas e aves mariñas, coma carráns cristados.
Tamén é posible ver a aguia pescadora, que se achega a este esteiro para pescar.
Esteiro do río Lérez e Intermareal Combarro Lourido (Pontevedra - Poio)
Día da actividade: 11.02.2024
Prazo de inscrición: do 29 de xaneiro, ás 9 h, ao 9 de febreiro, ás 12 h - PRAZAS ESGOTADAS
O Lérez verte as súas augas sobre o mar ao fondo da ría de Pontevedra e achégalle ricos sedimentos a un interesante intermareal no que as áreas de lodo e area atraen gran diversidade de aves (limícolas, mariñas, ardeidos e anátidas).
Neste espazo destacan as limícolas, coma o pilro común, a píllara cincenta, a píllara real, o mazarico chiador, o virapedras, bilurico patirrubio, a gaivota ou o bilurico das rochas. Non faltan as aves mariñas (coma o mourelo, o carolo, o carrán cristado ou o corvo mariño grande) ou os ardeidos (a garza real ou a garzota); incluso se pode atopar algún cullereiro.
Ribeiras do Río Umia (Ribadumia e Cambados)
Día da actividade: 07.04.24
Prazo de inscrición: do 25 de marzo, ás 9 h, ao 5 de abril, ás 12 h - PRAZAS ESGOTADAS
O Umia é un río fascinante que atravesa a provincia de Pontevedra desde Forcarei ata a ría de Arousa.
Este corredor fluvial, protexido pola Rede Natura 2000 no seu último tramo, ábrese paso entre diversas paisaxes moi atractivas para as aves, coma o bosque da ribeira, onde se poden avistar paseriformes nas árbores de sombra (papuxa das amoras, pimpín común, subeliño común, ferreiriño…), ou o mosaico agrícola que o rodea, con sementeiras de cultivos heteroxéneas que atraen o xílgaro, o tordo común, a bubela, a andoriña común e dáurica, a rula común ou o lagarteiro común.
Augas abaixo e preto da súa desembocadura, o río Umia achégalle o seu caudal ao rico Complexo Intermareal Umia-O Grove para crear un fermoso esteiro influenciado polas mareas, idóneo para aves acuáticas, coma garzas, limícolas, gaivotas, patos e corvos mariños.
Serra do Suído (A Lama, Fornelos de Montes e Covelo)
Día da actividade: 26.05.24
Prazo de inscrición: do 13, ás 9 h, ao 14 de maio, ás 12 h - PRAZAS ESGOTADAS
A serra do Suído é un sistema montañoso da provincia de Pontevedra de alto valor ecolóxico, famoso pola presenza do lobo ibérico e das aves rapaces. Caracterízase polos altiplanos, nos que abundan os pastizais e o monte baixo de breixos, toxos e carqueixas, mentres que, na súa parte baixa, conta con fermosos vales e cursos de auga que discorren entre bosques autóctonos ben conservados.
Na primavera e no verán os seus espazos abertos son ideais para ser sobrevoados por grandes aves rapaces, coma o impresionante voitre leonado, a aguia calzada, o miñato abelleiro, a aguia cobreira ou o miñato. Sobre as pendentes do monte baixo campan a tartaraña cincenta e a gatafornela. Así mesmo, é territorio do lagarteiro común e do falcón peregrino, e non faltan o picanzo vermello, a perdiz, o tordo charlo, a laverca e demais paxariños propios destes hábitats.
Praia da Lanzada (Sanxenxo – O Grove)
Día da actividade: 23.06.24
Prazo de inscrición: do 10, ás 9 h, ao 21 de xuño, ás 12 h - PRAZAS ESGOTADAS
Este é un dos últimos redutos da nosa provincia onde nidifica a píllara das dunas, unha ave que se enfronta a un risco moi alto de extinción.
Nesta praia, a través de telescopios e prismáticos, e mantendo unha distancia prudencial, as persoas participantes poderán ver os niños, protexidos con gaiolas e balizas, e as familias de píllaras cos seus adorables paxariños que corrican pola area; ademais, tamén se lles explicarán os problemas aos que se enfronta cada ano esta ave protexida para reproducirse con éxito nos nosos areais.
Campos e Lagoas de Rouxique (Sanxenxo)
Día da actividade: 29.09.24
Prazo de inscrición: do 16, ás 9 h, ao 27 de setembro, ás 12 h - PRAZAS ESGOTADAS
Neste espazo, protexido pola Rede Natura 2000, conviven os campos de labor coas antigas lagoas de extracción de barro.
No outono, nesta fermosa ruta destacan os pasos migratorios de paxariños coma o chasco norteño, o papamoscas negro ou o picafollas musical. Tamén é posible ver aves acuáticas das lagoas (coma o pato frisado, o rabilongo, o asubión, o cullerete etc.), a galiñola negra ou o mergullón pequeno, algunhas aves rapaces coma o lagarteiro común ou a tartaraña das xunqueiras, e os formidables cullereiros, garzas e gran variedade de limícolas da contorna.
Esteiro do río Miño (A Guarda)
Día da actividade: 17.11.24
Prazo de inscrición: do 4, ás 9 h, ao 15 de novembro, ás 12 h - PRAZAS ESGOTADAS
Espazo situado ao sur da provincia de Pontevedra, atópase no concello da Guarda, no límite con Portugal, e está protexido pola Rede Natura 2000.
A desembocadura do río Miño forma uns dos esteiros intermareais con gran diversidade de hábitats que atraen infinidade de aves. No inverno e nos pasos migratorios poderemos observar aves acuáticas e mariñas, rapaces ou paxariños palustres que buscan refuxio nas súas ribeiras. Destacan as limícolas (mazaricos, biluricos, pilros, avefrías…), a variedade de gaivotas, diferentes especies de patos, garzas, rálidos, mergullóns e tamén aves mariñas, coma carráns cristados.
Así mesmo, tamén é posible ver aves rapaces, das que destacan a tartaraña das xunqueiras, o lagarteiro común e a aguia pescadora, da que se sobresae a súa espectacular forma de pescar.
PROCEDEMENTO DE INSCRICIÓN E PARTICIPACIÓN NAS RUTAS
Todos os períodos de inscrición comezarán ás 9 h dos días sinalados en cada unha das rutas, momento no cal se habilitará un formulario en liña nesta mesma páxina no que se poderán anotar a persoa solicitante e tres acompañantes; este pecharase no momento no que se reciban suficientes inscricións para cubrir a lista. Unha vez se complete a capacidade, crearase a lista de agarda, para a que tamén é necesario realizar a inscrición.
Con todo, a lista conformarase por orde de chegada das inscricións; as 25 primeiras persoas recibirán un correo para que confirmen a súa asistencia ou rexeiten a praza coa maior brevidade posible e, en todo caso, antes do luns anterior á realización da ruta, ás 12 h. No caso de existir renuncias, recibirán o correo de confirmación as seguintes persoas da lista de agarda, as cales deberán respectar o mesmo prazo ou, de enviarse pasado o devandito prazo, deberán contestar canto antes e, en todo caso, antes do xoves anterior á realización da ruta, ás 12 h.
As persoas que non respondan nos prazos establecidos quedarán automaticamente excluídas da lista e non poderán participar na ruta para a cal se lle confirmou a praza nin en ningunha das outras incluídas no programa “Voando nas Rías Baixas”.
Consideracións
- A inscrición só poderá facerse a través do formulario en liña que se habilita no seu momento para cada unha das rutas, polo que non se aceptarán inscricións por outras vías (por correo electrónico ou teléfono). Todas as solicitudes presentadas fóra do prazo de inscrición de cada actividade non se terán en conta.
- As persoas que xa participasen no programa en 2023 non poderán repetir a mesma ruta en 2024.
- Ofertarase un máximo de 25 prazas, xa que os grupos non deben ser moi numerosos ao tratarse dunha actividade sensible de avistamento de fauna na natureza.
- A actividade disporá de dous puntos de encontro, un deles na zona na que esta se realice, de maneira que cada participante terá a oportunidade de escoller o punto de encontro que mellor lle conveña segundo as indicacións sinaladas no correo de confirmación da praza.
- A actividade inclúe un autobús tanto para o desprazamento coma para a visita da zona na que ten lugar a actividade.
- As e os menores de idade deberán ir acompañados dunha persoa adulta, mentres que as nenas e nenos menores de 7 anos só poderán asistir baixo a responsabilidade das ou dos seus titores legais e non ocuparán praza no autobús.
RECOMENDACIÓNS E MATERIAL
- A roupa debe ser cómoda e de abrigo nos meses fríos, e o calzado apropiado para moverse polo campo.
- As excursións contarán con dúas ou dous guías de ornitoloxía de SEO/BirdLife de Pontevedra con experiencia e coñecementos contrastados.
- Cada participante terá á súa disposición prismáticos para observar as aves e dous telescopios terrestres de alta gama para poder gozar das aves sen molestalas.
- Entregaráselle unha guía de aves a cada participante, excepto a quen xa dispoña dela.
- Recoméndase levar unha pequena libreta para aprender a facer un caderno de campo, e tamén prismáticos e guías de campo para quen xa conte con eles.
Para más información, diríxase ao Servizo de Medio Ambiente a través do correo electrónico medioambiente@depo.gal ou do teléfono 886 210 725, en horario de 8:00 a 15:00 h, de luns a venres.