Luis López condensa a acción da Deputación en Caldas e O Salnés: máis de 30 M€ en investimentos e impulso récord ao deporte, turismo, asociacionismo e sector primario
O presidente provincial, acompañado polos deputados Isabel Couselo, Javier Tourís e Marcos Guisasola, fai balance dos proxectos e programas que o goberno provincial leva postos en marcha en dezaseis concellos do noroeste da provincia
26/11/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salienta o investimento de máis de 30 millóns de euros nos concellos das comarcas do Salnés e Caldas a través de programas como o +Provincia, o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, o PON2030 ou en diversas actuacións do servizo de Infraestruturas. Nun almorzo informativo en Vilagarcía con medios de comunicación arousanos e no que tamén participaron os deputados provinciais, Isabel Couselo, Javier Tourís e Marcos Guisasola, o mandatario provincial sumou ao balance do ano o impulso que a Deputación deu a áreas como o deporte, cunha colaboración cifrada en 820.000 euros para promover 140 accións de apoio a entidades ou organización de actividades; a cultura, á que se destinaron 450.000 euros que permitiron realizar 600 actuacións; ou a acción comunitaria, con 400.000 euros de apoio repartidos entre 43 colectivos veciñais. “Nun dos motores económicos, turísticos, deportivos e culturais da provincia, a acción da Deputación está e notarse”, subliñou o presidente Luis López.
Antes de entrar a debullar polo miúdo o feito neste ano nos 16 concellos —Caldas, Cambados, Catoira, Cuntis, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Moraña, Pontecesures, Portas, Ribadumia, Sanxenxo, Valga, Vilagarcía e Vilanova de Arousa— que integran estas dúas comarcas, o dirixente provincial repasou a pegada da acción da Deputación en distintos ámbitos da vida social deste territorio. A nivel investimentos, o +Provincia serviu para impulsar iniciativas por valor de 12,1 M€, o PON2030, 9,7 M€; o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, 1M€; e a través do Servizo de Infraestruturas, 7,9 M€. Ademais, outros programas provinciais teñen no Salnés a súa raíz. É o caso dos campamentos da Lanzada, que este verán acollerán a 1.600 menores; o plan Lecer en Familia, presentado en Sanxenxo para desestacionalizar a oferta turística xunto co +Benestar; a celebración de tres dos cinco festivais da marca Rías Baixas Fest, o incremento do apoio ao sector primario do mar, o viño e a horta; a mellora de estradas que vertebran a comarca como a de Caldas a Vilanoviña na que se está investir un millón de euros; ou o reforzo do turismo coa colaboración con festas emblemáticas coma a do Albariño, coa diversificación da oferta cunha achega de 400.000 euros para mellorar o xacemento da Lanzada ou o apoio ao bus turístico Tintilán ou tamén a estreita relación con empresas do sector coma Interrías.
Por Concellos, o de Vilagarcía é un dos que recibe un maior do ente provincial. “É a terceira cidade da provincia e a capital do Salnés. Creo que este é o goberno provincial que mellor entende e máis atende a Vilagarcía”, afirmou López. Neste sentido, o presidente lembrou que a achega de 1,4 M€ ao abeiro do +Provincia estanse a financiar o 100 % de proxectos como a humanización a rúa Conde Vallecano ou a mellora do acceso por Wenceslao Fernández Flórez; e cos 200.000 € do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas —Vilagarcía é o concello que máis fondos recibe da provincia— fináncianse obras como a reposición do céspede artificial do campo de fútbol de Berdón ou o novo videomarcador da Lomba. En materia de instalacións deportivas, a Deputación destina 1,5 millóns de euros a modernizar o complexo de Fontecarmoa a través de distintos plans que frutifican na mellora da piscina, no acondicionamento do pavillón e na instalación de novas butacas na bancada. “Apenas hai grandes transformacións neste concello que non leven a nosa sinatura”, resumiu o presidente.
Do mesmo xeito, Luis López repasou os proxectos máis destacados que a Deputación está a promover nos outros concellos do Salnés. Así, salientou os 800.000 € destinados ao proxecto do miradoiro da Peixería en Sanxenxo, os 770.000 €, para executar por fin a mellora da estrada entre Baión e András en Vilanova de Arousa, onde tamén se achegan 300.000 euros para actuar na estrada das Sinas ou 156.000€ para modernizar o campo de Pontearnelas. Na Illa de Arousa, o goberno provincial subvenciona con 400.000 € a nova senda peonil do Paseo Naval; no Grove, preto de 750.000 € para o complexo deportivo das Bizocas e 400.000 € para acondicionar o pavillón de Conmeniño; en Cambados, 153.000€ para a mellora de camiños e do parque infantil de Torrado; en Ribadumia, 200.000€ para mellorar a recollida de residuos e 170.000€ para intervir en parques; en Meis, preto de 470.000€ para o 100 % da reforma e ampliación da escola infantil de Mosteiro; e en Meaño, 420.000e para a primeira fase da mellora da pista deportiva de Dena.
Na comarca de Caldas, a Deputación financia o 100 % dos proxectos de saneamento de residuos en Soutelo de Abaixo por 400.000€, así como a citada intervención na estrada Caldas-Vilanoviña. En Cuntis, colabora coa mellora da Rúa Bernardo Sagasta cunha achega de 128.000€; en Moraña, 1,35 M€ para o ensanche da estrada entre Mané e Rebón; en Portas financia o 100 % da rehabilitación da antiga Casa Consiltorial por 231.000€; en Catoira destina 100.000€ á renovación dos vestiarios do campo de fútbol das Lombas; en Valga, con 520.000e para a senda peonil e ciclable na Lagoa de Piñeiro; e en Pontecesures, o 100 % do proxecto de acondicionamento da contorna da estación de tren valorado en 466.000€.
Un equipo de goberno municipalista
“A historia de apoio de Vilagarcía se replica no resto dos concellos da zona, con cuxos alcaldes mantiven reunións institucionais”, engadiu Luis López outra das marcas do goberno provincial: a comunicación fluída e cooperación leal cos gobernos locais da comarca do Salnés e tamén do resto da provincia.
O presidente provincial quixo tamén poñer en valor o labor do seu equipo de goberno, facendo fincapé no importancia que teñen ás áreas de Infraestruturas, Acción Comunitaria ou Medio Ambiente que dirixen Isabel Couselo, Javier Tourís e Marcos Guisasola, respectivamente. “Isabel Couselo é responsable de xestionar os 39 M€ plurianuais que dedicamos na Deputación á conservación de estradas, ou á mellora de eixes estratéxicos dentro dunha rede de 1.600 quilómetros”, dixo sobre a líder da oposición en Cuntis. “Javier Tourís rescatou do ostracismo no que se atopaban os colectivos veciñais con programas de enorme tirón como o Provincia Comunitaria e o +Aqua”, sinalou sobre o tenente de alcalde de Vilanova e impulsor desta novidosa e sustentable iniciativa recoñecida con 250.000 euros polo Goberno central. “Marcos Guisasola é o responsable directo de incrementar as axudas a cooperativas agrogandeiras un 40% para 2025; e de que as confrarías de pesca e marisco puideran empregar por primeira vez as axudas da Deputación para sufragar gasto corrente”, apuntou sobre concelleiro sanxenxino.
Demandas ao goberno central
Con todo, hai proxectos e desafíos que están fóra do marco de competencias da Deputación, pero que cuxa atención é moi necesaria. “Se o Goberno central fixera gratuíta a AP-9 como prometeron outros cargos socialistas en campaña, se resolvera as incidencias constantes no Eixo Atlántico ferroviario, se mellorara a N-550 e a N-640 e abrira ao consenso o proxecto da futura variante oeste de Caldas, se retomara o novo cuartel de Cambados e dotara de efectivos da Policía Nacional en Vilagarcía... Todos poderiamos felicitarnos destes servizos esenciais para o desenvolvemento da comarca”, concluíu o presidente Luis López para subliñar a necesaria colaboración de todas as administracións para construír unha provincia máis forte.