A mirada feminista sobre a historia, a Semana Santa pontevedresa e os vínculos da cidade coa teosofía, protagonistas dos próximos seminarios e conferencias no Museo de Pontevedra
A directora do Museo Arqueolóxico Nacional, Isabel Izquierdo Peraile, abrirá o seminario Museos, Feminismos, Canon. Outras Historias da Arte
20/02/2024
O Museo de Pontevedra ofrecerá a finais de febreiro e durante o mes de marzo, no Edificio Castelao, varias conferencias que abordarán temáticas variadas relacionadas cos fondos da institución, coa historia local e coa relectura desde o feminismo do papel dos museos. Esta programación arranca xa o 29 de febreiro coa segunda edición do seminario Museos, Feminismos, Canon, organizado arredor da conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller.
O seminario terá este ano como subtítulo Outras Historias da Arte e está enmarcado dentro das liñas de investigación do museo sobre a perspectiva de xénero e a necesidade de pensar novas narrativas nos museos do século xxi. As tres conferencias que terán lugar na tarde do xoves 29 de febreiro repasarán algúns dos estereotipos femininos que perduraron durante séculos e o papel que teñen os museos na transformación social para recoñecer a importancia da muller na historia e na historia da arte.
A primeira das conferencias impartiraa a directora do Museo Arqueolóxico Nacional, Isabel Izquierdo Peraile. Co título “Os lugares das mulleres na historia: novas narrativas desde os museos do século xxi”, Izquierdo falará dos avances dos museos no recoñecemento da muller na historia e de como as novas narrativas que lle dan visibilidade á axenda feminina ao longo da historia ofrecen oportunidades para a educación patrimonial e novas posibilidades de transformación social.
As dúas seguintes conferencias centraranse en dous momentos históricos concretos: a Roma clásica e a Baixa Idade Media. A representación dos estereotipos femininos nos mosaicos romanos é o tema da conferencia de M.ª Luz Neira Jiménez, catedrática de Historia Antiga da Universidade Carlos III de Madrid. Pola súa banda, Rosa M.ª Rodríguez Porto, da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade do Sur de Dinamarca, falará da representación das mulleres lectoras nos libros ilustrados medievais na conferencia “Lecturas femininas? Mulleres e libros na Baixa Idade Media”.
O acceso a este seminario é libre. Entregaráselles un certificado de asistencia ás persoas que se inscriban previamente en reservas.museo@depo.gal.
Conferencias sobre a Semana Santa
O Museo de Pontevedra acollerá en marzo un ciclo de tres conferencias no que se darán a coñecer diversos aspectos relacionados coa historia e coa arte da Semana Santa, en xeral, e coa de Pontevedra, en particular. Están organizadas pola Cofradía de Nuestro Padre Jesús con la Cruz a Cuestas, que este ano cumpre 75 anos, os mesmos que hai que se restaurou a Semana Santa na cidade.
O ciclo ábrese o xoves 7 de marzo, ás 18:30 horas, coa conferencia “Imaxes da Semana Santa pontevedresa na arte”, impartida polo arqueólogo e antropólogo cultural Mateo Fontán Couto, quen poñerá en contexto esta celebración relixiosa na cidade e fará un percorrido polos exemplos máis salientables da presenza da Semana Santa de Pontevedra na arte.
O ciclo continuará o xoves 14, ás 19:30 horas, coa conferencia de Paula Tilve Otero, responsable da Área de Públicos do Museo de Pontevedra, titulada “A Virxe da Piedade a través da colección do Museo de Pontevedra”, na que percorrerá a evolución desta advocación de fondo sentir popular desde as súas orixes ata a actualidade. O ciclo remata o xoves 21, ás 19:30 horas, coa conferencia “De ‘Nuestro Padre Jesús Caído’ a ‘Nuestro Padre Jesús con la Cruz a Cuestas’’’, que repasa a historia desta confraría pontevedresa. Será impartida por José Luis Ageitos Míguez, do Departamento de Educación do museo e vicepresidente da confraría, ademais de director deste ciclo de conferencias.
Música e teosofía
O programa de conferencias no Museo en marzo complétase cun achegamento á teosofía e ao papel que xogaou nela un grupo de intelectuais pontevedreses a principios do século xx. Co título “Música e teosofía: Javier Pintos Fonseca e Mario Roso de Luna”, será impartida o venres 15 de marzo, ás 19:30 horas, polo doutor en Filosofía Esteban Cortijo Paralejo.
Esta conferencia pretende poñer de relevo o papel que tiveron Javier Pintos Fonseca e Mario Roso de Luna na constitución en 2013 do Grupo Marco Aurelio de Pontevedra, e as vinculacións con outras e outros galegos interesados en buscar respostas na filosofía, a música e o estudo dos textos relacionados coa Sociedade Teosófica, xa coñecida en España, pero pouco estendida.
Máis información:
- Seminario Museos, Feminismos, Canon. Outras Historias da Arte
- Ciclo de conferencias sobre a Semana Santa en Pontevedra
- Conferencia “Música e teosofía: Jaiver Pintos Fonseca e Mario Roso de Luna”