A Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo lanzan unha guía para incluír a perspectiva de xénero na investigación no ámbito tecnolóxico e industrial

O documento, presentado hoxe, enmárcase nos proxectos de investigación subvencionados este ano dentro da Cátedra de Feminismos 4.0 que promoven a institución provincial e a universidade, á que se destinou máis de 4.083 euros

12/03/2024

Sandra Bastos, xunto coa directora do centro, Concepción Paz, e a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio

A Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo (UVigo) presentaron hoxe a guía operativa para incorporar a perspectiva de xénero na investigación no ámbito tecnolóxico e industrial. Trátase dunha iniciativa que, cun orzamento de 4.083 euros, se atopa enmarcada dentro dos proxectos de investigación subvencionados ao abeiro da Cátedra de Feminismos 4.0 que ambas as institucións teñen en marcha. Esta nova guía pode consultarse na web da UVigo.

Na presentación, que tivo lugar no Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) da UVigo, participou a deputada de Igualdade, Sandra Bastos, xunto coa directora do centro, Concepción Paz, e a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio. Ademais, tivo lugar un panel de expertas coa presenza da directora da Unidade de Igualdade da UVigo, Águeda Gómez, e as investigadoras María López e Iria Vázquez, das universidades de Deusto e Vigo.

Sandra Bastos remarcou a importancia desta guía, que “permitirá incorporar a perspectiva de xénero na investigación no ámbito tecnolóxico e industrial e dotar o persoal investigador das ferramentas e pautas para mellorar a calidade das súas propostas de investigación”. Tamén subliñou que se trata dun documento necesario e lembrou que este “enfoque sensible de xénero non só é cada vez máis valorado nas convocatorias e proxectos, senón que tamén é fundamental para obter un coñecemento máis xusto e completo”.

Desta maneira, a nova guía recolle a necesidade de incorporar a perspectiva de xénero en todas as fases do proceso de investigación: desde a composición do equipo ata os resultados e o seu impacto, pasando polo plan da investigación, a revisión bibliográfica e marco teórico e a metodoloxía. Ademais, contén unha sección específica enfocada aos proxectos de investigación financiados con recursos europeos, así como unha lista de aspectos  para ter en conta.