A programación de Primavera do Museo inclúe concertos, cursos, obradoiros e achegamentos ás figuras de Asorey, Antonio Palacios e Alfredo García Alén, entre outros

Ao longo dos meses de marzo, abril e maio, o Museo programará catro exposicións e máis de 30 actividades divulgativas e de investigación

01/03/2024

imaxe do cuadro Flores-1958 de Rafael-Alonso

O Museo de Pontevedra dá a coñecer as actividades que desenvolverá durante os vindeiros meses de marzo, abril e maio. É a programación de primavera, na que se sucederán catro exposicións temporais, unha ampla axenda de actividades para público infantil e familiar e para público adulto, e un programa de investigación que inclúe un bo número de conferencias. En total, máis de 30 datas con actividades organizadas desde o Museo de Pontevedra para achegar a cultura e o patrimonio a público de todas as idades e con todo tipo de intereses.

A programación de exposicións arranca o próximo 7 de marzo coa inauguración da exposición “Castelao: o retorno a Galicia, 1984. Xan Carballa. Fotografías”. A mostra conmemora o corenta aniversario da chegada desde Arxentina dos restos mortais de Castelao, e faino recuperando a reportaxe fotográfica que fixo Xan Carballa sobre ese momento histórico. O comisario desta mostra é Xosé Enrique Acuña.

Xa en abril, as salas do Edificio Castelao acollerán a exposición “Berta Cáccamo. Correspondencias de arquivo”, que se estenderá ata xuño. Comisariada por Juan de Nieves, recolle as aparicións, diseccións e bosquexos da pintura de Berta Cáccamo nos seus múltiples rexistros de arquivo. Este proxecto supón tamén o traslado definitivo ao Museo de Pontevedra do groso do arquivo da pintora viguesa, falecida en 2018.

En maio arrancará o proxecto “Infiltracións”, co que, baixo a coordinación de Iñaki Martínez Antelo, o Museo de Pontevedra quere incorporar progresivamente os discursos contemporáneos para ofrecer novas lecturas sobre as súas propias coleccións. A primeira artista en ser convidada a producir novas obras en diálogo coa colección permanente é Mónica Alonso (A Fonsagrada, 1970), que presentará “A pel do Museo”. É o resultado dunha investigación sobre as diferentes cores da pel nunha selección de pinturas e esculturas do Museo de Pontevedra. Poderase visitar ata setembro en diferentes puntos das salas da exposición permanente.

Cada ano realizarase unha exposición en colaboración coa Facultade de Belas Artes de Pontevedra; a de 2024 abrirá as súas portas a finais de maio no Edificio Sarmiento. Co título “Pregar a pintura”, o seu comisario, Carlos Fer, presenta unha selección de estudantes e graduadas e graduados da facultade que teñen en común a súa aproximación aos modos encartados das pinturas, o desdobramento do estático cara ao dinámico, do ríxido e bidimensional ao flexible e táctil. Poderase visitar ata xullo.

A música como protagonista

A programación didáctica e de acción cultural está dirixida ao público de todas as idades. Boa mostra desa transversalidade é o obradoiro “Castelao e o linogravado”, que terá unha edición para público infantil nas mañás de Semana Santa e outra para público adulto na semana seguinte. Para nenas e nenos están pensadas as sesións de contacontos que Polo Correo do Vento vai ofrecer o 7 de abril nunha versión libre do conto de Castelao O negro Panchito e do 2 ao 7 de maio en homenaxe a Luísa Villalta, a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas. A poeta centrará unha ruta pola cidade o 4 de maio.

A música é fundamental na obra poética de Luísa Villata, e tamén o vai ser na programación desta primavera no Museo. A vindeira semana arranca o ciclo O Son do Piano, con tres concertos de formacións en acústico no que o piano de cola do Museo cobra protagonismo: o martes 5 actuará o dúo Crúas (voz e piano) e o venres 8 o cuarteto de cordas Vagalume ofrecerá o recital Ausencias. Unha viaxe pola música en feminino; pecha o ciclo a actuación de Manuel Morales (frauta) e Raúl Rodríguez (piano) o martes 12 de marzo. O 9 de abril terá lugar unha gala de corda frotada a cargo do alumnado do CMUS Manuel Quiroga. 

O 11 de maio Abraham Cupeiro ofrecerá o concerto didáctico para toda a familia Resoando no pasado, no que fai un percorrido pola historia a partir dos instrumentos de vento, desde unha pequena frauta de óso de hai 48.000 anos ata instrumentos do século xix. E para as persoas que queiran apreciar e comprender mellor a música clásica, os mércores de maio celebrarase o curso Audicións Comentadas: Explorando a Música

Clásica, no que se poderá explorar, aprender e gozar de obras emblemáticas de Saint-Saëns, Ravel, Mussorgsy e Manuel Quiroga.

Da Galería das Coleccións Reais a figuras emblemáticas

A programación de seminarios e conferencias inclúe tamén unha referencia musical: música e teosofía eran polos de interese que uniron os camiños do pontevedrés Javier Pintos Fonseca e o estremeño Mario Roso de Luna; diso falará o 15 de marzo Esteban Cortijo Paralejo. Tamén en marzo desenvolverase o ciclo de conferencias sobre a Semana Santa, con tres citas: o xoves 7 presentarase “Imaxes da Semana Santa pontevedresa na arte”, a cargo de Mateo Fontán Couto; o 14, Paula Tilve Otero falará de “A Virxe da Piedade a través da colección do Museo de Pontevedra”; e pechará o ciclo o 21 de marzo José Luis Ageitos Míguez coa conferencia “De ‘Nuestro Padre Jesús Caído’ a ‘Nuestro Padre Jesús con la Cruz a Cuestas’’.

Outras dúas conferencias agárdannos en abril e maio. O 18 de abril celebraremos a dedicación ao escultor Francisco Asorey do Día das Artes Galegas cunha conferencia a cargo da investigadora Maribel Iglesias Baldonedo; e o 16 de maio a directora de Coleccións Reais, Leticia Ruiz Gómez, explicará o proceso que culminou coa apertura do último gran centro museístico do Estado en abrir as súas portas, na conferencia “A Galería das Coleccións Reais. Un miradoiro ao patrimonio nacional”.

Por último, o Museo dedicará esta primavera un simposio e unha xornada a dúas figuras de gran relevancia cultural: Antonio Palacios e Alfredo García Alén. O simposio Antonio Palacios. Obra e Legado terá lugar os días 4, 5 e 6 de abril. Con motivo do 150 aniversario do nacemento do escultor porriñés, persoas expertas en arquitectura e patrimonio reúnense en Pontevedra para revisar a súa produción arquitectónica e urbanística e o seu legado como promotor da arte galega e a divulgación do patrimonio. O evento inclúe conferencias, mesas redondas e a visita a algunhas das súas obras emblemáticas no sur da provincia.

Finalmente, o 30 de maio a xornada “Arredor de Alfredo García Alén. A vida, a obra, o Museo” pechará a programación de primavera. Será unha lembranza e reivindicación dunha persoa que, desde o Museo de Pontevedra, desenvolveu un inxente labor como investigador nos campos da etnografía e a arqueoloxía e inspirou a creación do grupo de arqueoloxía que levou o seu nome.

Para divulgar a programación de primavera, o Museo de Pontevedra está a empregar a obra Flores, pintada en 1958 por Rafael Alonso. Precisamente este ano é o centenario do nacemento do polifacético artista pontevedrés.

Galerias de imaxes