A segunda edición do seminario Museos, Feminismos, Canon revisa os estereotipos ligados á muller na historia da arte
A actividade, que se desenvolverá no Edificio Castelao este xoves 29 de febreiro, de 16:00 a 19:30 h, está ligada á conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, e servirá de punto de arranque da programación de primavera no Museo de Pontevedra
28/02/2024
A programación de primavera do Museo de Pontevedra bota a andar esta semana coa segunda edición do seminario Mulleres, Feminismos, Canon. Co tema “Outras historias da arte”, as tres conferencias deste ano achegaranse aos estereotipos ligados á muller nas manifestacións artísticas da historia antiga e medieval e no papel dos museos para contribuír a novas lecturas sobre o rol da muller na historia e no presente. A actividade, que se enmarca na conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, terá lugar no Edificio Castelao este xoves 29 de febreiro, de 16:00 a 19:30 h.
O seminario encádrase nas liñas de investigación do Museo sobre a perspectiva de xénero e a necesidade de pensar novas narrativas nos museos do século XXI. Está organizado en colaboración coa Área de Antropoloxía Social e Cultural da Universidade de Vigo e nel participan como relatoras Isabel Izquierdo Peraile, directora do Museo Arqueolóxico Nacional (MAN), M.ª Luz Neira Jiménez, catedrática de Historia Antiga da Universidade Carlos III de Madrid, e Rosa M. Rodríguez Porto, investigadora na Universidade de Santiago de Compostela e profesora na Universidade do Sur de Dinamarca.
O seminario repasará algúns dos estereotipos femininos que perduraron durante séculos e o papel que teñen os museos na transformación social que recoñeza a importancia da muller na historia e na historia da arte. Estas novas narrativas contribúen a cuestionar o canon establecido e a desenvolver relatos que permitan imaxinar novas posibilidades no ámbito da museoloxía.
O obxectivo deste seminario é debater sobre a importancia da perspectiva feminista na institución museística para cuestionar a perpetuación de determinados discursos que a museoloxía crítica se propuxo revisar desde os anos noventa. Cuestionar modelos historiográficos que exclúen as persoas por razóns de raza, xénero ou clase é un dos retos éticos contemporáneos nos museos, que avanzan paralelamente aos cambios que, nos últimos anos, permitiron afondar no recoñecemento do papel dos mulleres na historia. Trátase de reorientar estratexias; non só de darlle presenza á muller nas coleccións, senón de revisar os discursos patriarcais sobre os que se constrúe a historia da arte.
Tres conferencias
A primeira das conferencias será impartida pola directora do MAN, Isabel Izquierdo Peraile. Co título “Os lugares das mulleres na historia: novas narrativas desde os museos do século XXI”, Izquierdo falará dos avances dos museos no recoñecemento da muller na historia. Segundo Izquierdo, “darlle visibilidade á axenda feminina ao longo da historia e mediar cos diversos públicos dos museos ofrece grandes oportunidades no ámbito da educación patrimonial, especialmente para o público infantil e xuvenil, así como novas posibilidades de transformación social”.
A conferencia de M.ª Luz Neira Jiménez leva por título “Estereotipos femininos. A súa representación nos mosaicos romanos”. Nela explicará como xa na Antigüidade Clásica os testemuños da cultura escrita e as manifestacións da cultura visual reflicten unha serie de estereotipos femininos, cuxa repercusión ao longo da historia chegou nalgúns casos ata os nosos días. Neira centrarase nos mosaicos, onde se documenta un amplo repertorio de figuras femininas, algunhas de carácter mitolóxico, que responden á consideración da muller na sociedade romana da época imperial: incídese no papel das esposas, nais, fillas e mulleres virtuosas, e nas súas antíteses, que representaban o modelo que se debía evitar.
A terceira e última conferencia titúlase "’Lecturas femininas"? Mulleres e libros na Baixa Idade Media’”. Rosa M. Rodríguez Porto ofrecerá unha visión xeral da representación das mulleres lectoras na cultura visual baixomedieval, dentro da que se lle prestará especial atención á ilustración de libros devocionais e profanos. Analizaranse exemplos nos que as mulleres son representadas como autoras ou autoridades en termos intelectuais e discutiranse certos estereotipos sobre o que se considerarían "lecturas femininas" na Idade Media.
O acceso ao seminario é libre, e entregaráselles un certificado de asistencia ás persoas que se inscriban previamente en reservas.museo@depo.gal.