Luis López sinala as distinguidas dos primeiros premios “Boas Prácticas en Igualdade” como a proba de que a igualdade é unha loita “transversal e de todos”
O presidente provincial, xunto coa deputada Sandra Bastos, entregou os primeiros galardóns a Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos, Entre Bambalinas, Poio Futbol Sala, IES Illa de Ons, CIM da Guarda e, a título póstimo, a Carmen Lago Fernández
21/11/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destaca os novos recoñecementos a entidades sociais polo seu traballo a prol da igualdade, os maiores recursos destinados a esta misión reservados no Orzamento do ano 2025, o reforzo de programas de éxito como “Mulleres que Opinan” ou o liderado en feminino de áreas estratéxicas do goberno provincial como Cooperación, Deportes, Infraestruturas, Turismo, o Museo ou Igualdade como mostra dun proxecto provincial “transversal” para acadar a igualdade “plena e real” entre mulleres e homes. Fíxoo este xoves no salón de plenos do Pazo provincial durante a entrega dos primeiros premios Boas Prácticas en Igualdade, uns galardóns impulsados polo executivo que dirixe Luis López para recoñecer o labor de persoas e colectivos de todos os ámbitos da sociedade pontevedresa para construír unha provincia máis xusta. “A loita pola igualdade non reside en ningún despacho, non é exclusiva de ningunha área nin é propiedade de ningunha persoa. É un movemento transversal que abrangue todos os ámbitos da vida política e social desta provincia”, defendeu o presidente da Deputación.
A cerimonia celebrouse esta tarde nun salón de plenos do Pazo provincial abarrotado de persoas e representantes de colectivos do deporte, da cultura, da educación ou da iniciativa social que quixeron coñecer o nome dos merecedores desta condecoración. “A primeira entrega de premios Boas Prácticas en Igualdade son un recoñecemento iniciado por este goberno provincial para enxalzar o extraordinario traballo de persoas e colectivos da nosa provincia pola igualdade”, explicou Luis López o sentido duns galardóns entregados polo propio presidente e a responsable de Igualdade do goberno provincial, Sandra Bastos.
A primeira distinción en entregarse foi a de boas prácticas de entidades de iniciativa social, que recaeu na Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo. Unha categoría na que a Asociación de Diagnosticadas de Cancro de Mama conseguiu un accésit. En materia de cultura, o recoñecemento foi para Entre Bambalinas de Moaña, mentres que en deporte, o Poio Fútbol Sala levou o primeiro premio e o Balonmán Cañiza, o accésit. No eido da educación, o galardón concedéuselle ao IES Illa de Ons de Bueu, mentres que o accésit foi para o Centro Público de Educación e Promoción de Adultos Nelson Mandela da Lama. Finalmente, entregáronse dúas distincións honoríficas, unha para o Centro de Información á Muller da Guarda; e outra, a título póstumo, para Carmen Lago Fernández, fundadora da iniciativa social Faraxa pola abolición da prostitución.
“Non é a primeira vez que digo que vivimos nunha provincia extraordinaria chea de xente extraordinaria. Pero o voso labor, o voso compromiso e a vosa sensibilidade non deixa de demostralo. É o voso traballo o que nos moveu a organizar por primeira vez estes premios de Boas Prácticas en Igualdade”, recoñeceu Luis López a uns premiados que son “referentes, fontes de inspiración e exemplo a seguir”.
Neste sentido, explicou o mandatario provincial que a Deputación trata de “percorrer o camiño que estades a abrir” con numerosas e diversas iniciativas relacionadas coa igualdade entre as que sobresaen certames novidosos como “Boas Prácticas en Igualdade” ou “E ti que pensas da Igualdade” ou o novo impulso dado a outros existentes como “Mulleres que Opinan” ou “Mulleres no Foco”. Do mesmo xeito, o goberno provincial reforza o seu compromiso coa igualdade cunha suba do 2 % na partida do Orzamento do vindeiro ano. “E valoramos os méritos e a capacidade á hora de nomear ás persoas responsables de departamentos estratéxicos como: Igualdade, Cooperación, Deportes, Infraestruturas, Turismo ou o Museo de Pontevedra. Todas elas son prioritarias para nós. Todas elas están lideradas por mulleres. Con enorme éxito, debo engadir”, puntualizou Luis López.
Recordo ás vítimas de violencia de xénero da provincia
Ademais, a gala serviu para render unha sentida homenaxe ás dúas mulleres vítimas da violencia de xénero que foron asasinadas este ano na provincia. “Hai demasiados días que xustifican este 25N. Os días nos que coñecemos o asasinato de Faduoa ou, máis recentemente, o de Estela , que sentimos moito nesta casa”, lamentou o dirixente, quen apelou a manter a loita pola igualdade os 365 días do ano. “A bandeira da igualdade erguémola cada día os pontevedreses e pontevedresas nas nosas tarefas diarias. Despois dun 25N ten que haber un 26N, un 27N... e así todos os días”, pediu López.
Finalmente, o presidente provincial lanzou unha mensaxe de unidade para construír unha provincia na que non haxa diferenzas entre homes e mulleres. “Acadar unha sociedade igualitaria de xeito pleno e real é unha misión global. Formular este camiño como unha loita persoal ou partidista, desviar o foco dos grandes problemas que nos afectan ou abrir fendas imaxinarias no canto de pechar ás que aínda nos separan fan un fraco favor a unha travesía na que todas e todos, como sociedade, imos no mesmo barco. Estou convencido de que chegaremos máis cedo que tarde a ese porto no que homes e mulleres somos realmente iguais. O día no que o 25N deixe de ser preciso”, concluíu o presidente da Deputación.