Luis López informa por carta aos alcaldes e alcaldesas da provincia do reparto dos 56,2 millóns de euros do +Provincia 2025 e do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas
Os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia contarán con estes recursos para construír e mellorar instalacións deportivas ou adquirir novos equipamentos e para obras e servizos de competencia municipal
10/01/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, explicou en conferencia de prensa que onte se dirixiu por carta aos alcaldes e alcaldesas dos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes para informarlles da asignación dos recursos do Plan +Provincia 2025, o plan de obras e servizos de competencia municipal, dotado cun total de 48,2 millóns de euros, e do II Plan de Infraestruturas Deportivas, con 8 millóns. “Queremos seguir avanzando conxuntamente nun modelo de cooperación e lealdade institucional que permita desenvolver as múltiples potencialidades da provincia”, asegurou o presidente provincial, que lembrou ademais que “se 2024 foi o ano no que puxemos as bases do proxecto municipalista, en 2025 imos bater récords de apoio aos pequenos e medianos concellos cando máis se precisa”.
O +Provincia 2025, para o que se poden presentar proxectos ata o 2 de abril, está dotado cun total de 48,2 millóns de euros para os 59 municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia e elaborado conforme aos principios de reforzo da capacidade inversora, maior autonomía local e atención aos retos comúns de futuro, reparte o crédito de acordo con criterios obxectivos e, por segundo ano consecutivo, introduce o reto demográfico como parámetro para dito reparto, co obxectivo de minorar a fenda de poboación que afecta principalmente aos municipios rurais da provincia. Como novidade, este ano admite a posibilidade de financiar investimentos de carácter plurianual, co obxectivo do goberno provincial de seguir tendendo pontes de colaboración cos concellos para sustentar o labor municipal e facilitar ao tempo a execución de investimentos estratéxicos que lle brindan un servizo esencial á veciñanza.
A cifra histórica de 48,2 millóns de euros distribuirase entre os 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia a través de catro liñas. A primeira delas, dotada con 33,74 millóns de euros vai destinada a investimentos; a segunda, con 4 millóns, céntrase no gasto corrente dos concellos; a terceira, de 9,25 millóns, para a activación do emprego e a cuarta e novidosa liña, dotada con 1,2 millóns, para proxectos transformadores relacionados coa mobilidade.
Desta maneira, o reparto tradúcese en 19,7 millóns de euros para os concellos da contorna de Vigo e o sur da provincia, 9,3 millóns para a área de Arousa e o Salnés, 8,5 millóns de euros para as comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes, 7,5 millóns para os concellos da contorna de Pontevedra e 3,2 millóns de euros para a comarca do Morrazo.
II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas
Por outra banda, o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas ascende nesta edición a 8 millóns de euros, o dobre que na pasada, aos que poden optar todos os concellos da provincia agás Pontevedra e Vigo, que se rexen por convenios específicos. As bases do plan establecen que os recursos serán distribuídos nunha parte fixa a repartir entre os concellos (4,42 millóns de euros) e noutra variable en función da poboación (3,57 millóns de euros).
López lembrou que xa se aprobaron os primeiros proxectos, e que os concellos aínda teñen ata o vindeiro 22 de xaneiro para presentar os seus e que poidan recibir financiamento para construír novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo, incluídas as cubertas destes espazos; modernizar, remodelar ou mellorar as instalacións deportivas; dotar de equipamentos ou material deportivo estas instalacións; ou adquirir terreos destinados a uso deportivo. Desta maneira, entre os concellos da zona de Vigo e o sur da provincia repartiranse case 3,3 millóns de euros, na zona do Salnés case 1,7 millóns de euros, entre os da contorna de Pontevedra máis de 1,3 millóns de euros, aos concellos do Deza e Tabeirós-Terra de Montes correspóndenlles 1,1 millóns de euros e na comarca do Morrazo repártense 590.000 euros.
Luis López lembrou que este plan “fala da nosa aposta estratéxica polo deporte, polas súas instalacións e polo fomento de hábitos de vida saudable, reafirma o noso compromiso para mellorar e renovar as infraestruturas deportivas da provincia e deixa claro o carácter municipalista deste goberno, que dota de recursos aos concellos”, e que os concellos aínda teñen ata o 22 de xaneiro para presentar proxectos e recibir financiamento ao abeiro do plan.
As bases do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas contemplan que ditas actuacións deportivas deberán ser superiores aos 20.000 euros ou, no caso da compra de material, un mínimo de 6.000 euros. Ademais, os investimentos deberán estar executados na súa totalidade o 30 de abril de 2025 e as axudas son compatibles con outras subvencións, polo que os Concellos poderán contar con achegas doutras administracións sen que a contía do organismo provincial se vexa reducida.