Luis López sinala a adquisición dunha varredoira polo Concello de Portas con fondos provinciais como mostra do apoio crucial que presta a Deputación aos concellos

O presidente provincial, acompañado polo rexedor e deputado Ricardo Martínez, adianta a concesión de ata un millón de euros ao Concello a través dos plans provinciais

17/02/2025

varredoira para o Concello de Portas

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salientou a importancia da colaboración da organismo provincial cos concellos para poder realizar investimentos que melloran os servizos públicos, como o realizado en Portas, a través da achega de máis de 82.000 euros dos fondos do +Provincia, para a adquisición dunha minivarredoira. O mandatario provincial, acompañado polo alcalde e deputado Ricardo Martínez, comprobou o funcionamento desta ferramenta nunha visita institucional na que adiantou a posta a disposición do Concello por parte da Deputación para este ano 2025 dun máximo de un millón de euros. “A colaboración da Deputacion e a boa elección de proxectos por parte dos Concello fan que demos pasos adiante e poñamos mediadas para combater o reto demográfico”, recoñeceu o presidente López.

A través da Liña 1 do Plan +Provincia do ano 2024, a Deputación concedeu ao Concello de Portas unha subvención de preto de 82.000 euros para a adquisición dunha minicargadora e varredoira industrial. Trátase dunha ferramenta versátil que permitirá mellorar o sistema de limpeza tanto en zonas urbanas como rurais e que mellorará tanto a limpeza en todo o termo municipal como a calidade de vida da veciñanza. “Este plan para concellos coma nós, pequeniños, axúdanos moitísimo porque sen el non poderiamos afrontar este tipo de obras e adquisición de maquinaria”, agradeceu o rexedor.

Con todo, non foi o único investimento executado pola institución que preside Luis López o pasado ano en Portas. A Deputación achegou case 800.000 euros ao abeiro de diversos plans provinciais que permitiron levar a cabo actuacións como a mellora da eficiencia enerxética na antiga Casa Consistorial ou o saneamento en Outeiro. E, para este ano 2025, o apoio da Deputación increméntase: “Este ano damos pasos cara adiante, Portas terá a opción de acceder a case un millón de euros”, anunciou o presidente para especificar a continuación os fondos que lle corresponden ao Concello. A través do +Provincia recibirá 444.900 euros, do segundo Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, 92.800; e do Plan Extra, ata 500.000 euros.

“Este é o nosos espírito, ser socios leais e colaboradores dos concellos”, concluíu Luís López, quen tamén tivo palabras de recoñecemento para o rexedor e deputado provincial, Ricardo Martínez. “O seu bo facer como alcalde, estao levando agora ao conxunto da provincia”, rematou o presidente da Deputación.

 

Galerias de imaxes