A Deputación lanza a segunda colección de “Aquí faltan páxinas”, na que se enxalza a figura de grandes mulleres vinculadas á provincia e relevantes na historia
O programa, que responde ao firme compromiso coa igualdade do Goberno de Luis López, mellorouse nesta segunda edición e, por vez primeira, inclúe unha muller viva como protagonista, pon en valor mulleres anónimas e chega ao mundo rural
25/02/2024
No marco do firme compromiso coa igualdade do Goberno de Luis López á fronte da Deputación de Pontevedra, este organismo lanza a segunda colección de “Aquí Faltan Páxinas”, na que se enxalza a figura de grandes mulleres vinculadas á provincia e relevantes na historia. O programa mellorouse nesta segunda edición e, por vez primeira, inclúe unha muller viva ―a fotógrafa Mary Quintero―, pon en valor historias de mulleres anónimas ―coma o caso das leiteiras de Pontevedra ou das madriñas de San Simón― e chega ao mundo rural. O programa, que se estenderá ao longo de todo o ano, arrancará este martes 27 de febreiro cunha conferencia, ás 19:00 horas, no Museo de Pontevedra sobre Carmen Babiano Méndez-Núñez impartida por Beatriz de San Ildefonso.
“Aquí faltan páxinas” pretende contar a historia de mulleres extraordinarias que desenvolveron un papel clave e, porén, non figuran nos libros. Ademais de lles dar visibilidade, o programa contribúe a dotar as nenas e mozas de referentes femininos. “Só recuperando esta xenealoxía de grandes mulleres ―asegurou o presidente da Deputación Luis López― poderemos ter unha visión real e completa do noso pasado, sen ocos, e conseguir que as nosas nenas e mozas medren fortes e miren cara ao futuro con optimismo e esperanzas”.
Deste xeito, e ademais das novidades xa mencionadas, esta segunda colección presenta mulleres pioneiras, valentes e arriscadas, que se aventuraron no eido das artes coma Carmen Babiano ou Mercedes Ruibal, na escritura coma Avelina Valladares, na música coma María Pardo Trapote, ou loitadoras coma María Araújo, Urania Mella ou Placeres Castellanos. A colección tamén presenta pioneiras da ciencia coma Inmaculada Paz Andrade, ou figuras relevantes na conquista de territorios, coma a raíña Urraca I, alcumada a Temeraria, por atreverse a exercer o poder igual que facían os homes.
As protagonistas
“Aquí faltan páxinas” comeza este mes de febreiro con Carmen Babiano Méndez-Núñez, a quen seguen, en marzo e con conferencias tamén na cidade do Lérez, as leiteiras de Pontevedra e Inmaculada Paz Andrade. Sobre as primeiras afondará o 7 de marzo Xiana Iglesias, para dar conta do triunfo da unión entre mulleres, e sobre a segunda falará o día 21 Xoana Pintos Barral, quen dará a coñecer a figura desta investigadora en loita contra os incendios.
No mes de abril a protagonista será Avelina Valladares cunha conferencia na Estrada realizada por Aurora Marco, quen afondará na frustración de ser escritora na Galicia do século XIX. Xa en maio, “Aquí faltan páxinas” viaxará ata Vigo da man da feminista e defensora da República Urania Mella, sobre a que falarán Iria Presa e Raúl Solleiro Mella.
Pola súa banda, no mes de xuño, Pilar Cagiao dará unha conferencia en Vilagarcía de Arousa sobre a guerrilleira que loitou contra as ditaduras de Franco e Batista, María Araújo, e, en xullo, no castelo de Sobroso, a conferencia de María del Carmen Pallares tratará sobre Urraca I de León, a raíña batalladora. En agosto, as madriñas de Redondela, esperanza dos presos de San Simón, serán protagonistas dun relatorio na propia illa a cargo de Eva Mejuto e de Carmen Lores Blanco, filla dunha madriña.
Xa en setembro, a protagonista será Mercedes Ruibal, unha pintora alegre de trazos dramáticos, sobre a que falará Ángeles Ruibal e María Luisa Sobrino, e en outubro chega a quenda da lírica coa análise da figura de María Pardo Trapote, a soprano de Teis nos Estados Unidos, a cargo de Montserrat Capelán e Pilar de Saa, sobriña-neta da soprano. En novembro, Mary Quintero, a fotógrafa cun estudio propio e unha ollada única, será protagonista cunha conferencia en Vigo na que ela mesma se encargará de dar a coñecer a súa traxectoria.
“Aquí faltan páxinas” pecharase no mes de decembro en Ponte Caldelas, cunha conferencia centrada na figura de Placeres Castellanos, unha galega na resistencia francesa contra os nazis, que impartirá a súa neta Silvia Caldas.