A vida de Sofía Novoa protagonista este martes 26 do último faladoiro do programa “Aquí faltan páxinas” na Sede de Vigo da Deputación

A pianista e profesora de música Carmen Losada será a encargada de lembrar á pedagoga viguesa no acto que comezará, ás 19 horas, e ao que asistirá a deputada provincial de Igualdade, Sandra Bastos

23/12/2023

A vida de Sofía Novoa Ortiz protagoniza neste mes de decembro o último faladoiro do programa da Deputación de Pontevedra “Aquí faltan páxinas”. Este ciclo de relatos sonoros e conferencias naceu da colaboración da institución provincial coa firma O Cable Inglés para dar a coñecer a traxectoria de mulleres galegas extraordinarias relacionadas coa provincia. Este martes 26 de decembro a Sala Rosalía de Castro da Sede de Vigo da Deputación acollerá, a partir das 19 horas, un faladoiro sobre a traxectoria desta pianista e pedagoga que impartirá a pianista e profesora de música Carmen Losada. No acto participará a deputada provincial de Igualdade, Sandra Bastos.

Sofía Novoa Ortiz (Vigo, 1902-Madrid, 1987) foi unha brillante pianista e pedagoga que conviviu coa xeración do 27. Tras vivir en Madrid, concretamente na Residencia de Señoritas, unha institución que se encargaba de fomentar a renovación pedagóxica e científica en España no primeiro terzo do século XX, exiliouse en Estados Unidos debido á guerra, onde logrou alcanzar o éxito que lle fora negado na súa terra. Ao outro lado do Atlántico deu clase de español na Universidade de Columbia, asentándose definitivamente no prestixioso Vassar College, onde chegou a ser docente de Jacqueline Kennedy, e onde defendeu o valor transversal da música nas súas aulas de Literatura e Cultura Española.

O faladoiro está a cargo de Carmen Losada Gallego, pianista e profesora de música no Instituto Giner de los Ríos de Lisboa. Doutorada en 2016 pola Universidade de Santiago de Compostela coa tese Mulleres pianistas en Vigo. Do salón aristocrático á Idade de Prata (1857-1936) Sofía Novoa. Nela estuda, por vez primeira en Galicia, a aparición de mulleres pianistas e o seu encaixe na sociedade burguesa de Vigo, desde Carolina Graña ata Sofía Novoa ou América Otero. Publicou numerosos artigos, colaborou en libros e presentou diversos relatorios sobre ese tema ao longo dos anos. Ademais, conta cun dous libros publicados polo Instituto de Estudos Vigueses arredor desta temática.

Ademais da conferencia, a historia de Sofía Novoa estará tamén dispoñible a partir do martes no podcast de “Aquí faltan páxinas” (nas principais plataformas de streaming e no sitio web da institución provincial) e figura xa no roteiro virtual que se centra en Vigo e no Morrazo como lugares clave da provincia da súa biografía. Comeza na rúa López de Neira, na que naceu e viviu e onde, na que iniciou ademais a súa carreira musical. O percorrido segue na Casa Mülder, na que a súa familia residiu temporalmente para avanzar cara a Escola de Artes e Oficios, fundada polo seu avó paterno e cuxo actual edificio é un encargo do empresario e filántropo José García Barbón ao arquitecto francés Michel Pacewicz. Despois trasládase a Moaña, concretamente á praia do Con, na que pasaba as vacacións coa súa familia, e á casa dos García Arenal, onde xogaba ao tenis e compartía tempo coa familia de Fernando García Arenal. Finalmente, no Morrazo remata no panteón familiar, concretamente no cemiterio municipal de Cangas, onde está enterrada.

O proxecto “Aquí faltan páxinas”, que chega ao seu fin coa figura da pedagoga e pianista viguesa, é unha antoloxía de 12 podcasts, un por cada mes deste 2023, para pór en valor os logros de María Soliña, Elisa Patiño, Olimpia Valencia, Maruja Mallo, Concepción Arenal, Antonina Sanjurjo, María Vinyals, Ernestina Otero, Ángeles Alvariño, Isabel Barreto, Carolina Otero e Sofía Novoa.