A historia da Bela Otero protagoniza este xoves o novo faladoiro do programa “Aquí faltan páxinas” no Museo da Historia de Valga

A docente e historiadora galega Encarna Otero será a encargada de lembrar a icona da belle époque no acto que comezará ás 19:00 horas e ao que asistirá a deputada provincial de Igualdade, Sandra Bastos

15/11/2023

A historia da Bela Otero protagoniza neste mes de novembro o programa da Deputación de Pontevedra “Aquí faltan páxinas”. Este ciclo de relatos sonoros e conferencias naceu da colaboración da institución provincial coa firma O Cable Inglés para dar a coñecer a traxectoria de mulleres galegas extraordinarias relacionadas coa provincia. Este xoves, 16 de novembro, o Museo da Historia de Valga acollerá a partir das 19:00 horas un faladoiro sobre a traxectoria desta bailarina, cantante, actriz e cortesá que revolucionou a belle époque en París, que impartirá a historiadora Encarna Otero. No acto participará a deputada provincial de Igualdade, Sandra Bastos, e estará conducido por Marián Fernández, de O Cable Inglés, coordinadora da colección.

A Bela Otero (1868-1965) converteuse nun dos personaxes máis emblemáticos do París da belle époque. Mentiu e fabulou para esconder un pasado traumático que a obrigara a fuxir de Valga con só 12 anos, tras unha brutal violación, e logrou construírse unha historia calculada para catapultala á fama, á fortuna e ao corazón de ricos e poderosos admiradores aos que xamais conseguiu entregarse por completo, porque lle resultaba imposible confiar nos homes. Segundo ela mesma declarara, a súa verdadeira paixón foi o xogo. Morreu na Costa Azul, apartada do foco público.

O faladoiro estará a cargo de Encarna Otero, historiadora e mestra galega que é autora das entradas sobre a Bela Otero na Galipedia e no “Álbum de mulleres” do Consello da Cultura Galega. É autora así mesmo de varios estudos académicos, de ensaios; novelas xuvenís e tamén obras colectivas. Colabora en diferentes publicacións galegas con artigos sobre a muller na historia.

Ademais da conferencia, a historia da Bela Otero estará tamén dispoñible a partir do xoves no podcast de “Aquí faltan páxinas” (nas principais plataformas de streaming e no sitio web da institución provincial) e figura xa na ruta virtual que se centra en Valga como lugar clave da provincia da súa biografía. Comeza na parroquia de San Miguel, onde naceu e onde viviu da caridade ata os 12 anos. O percorrido segue na súa casa natal, hoxe reconvertido no Museo da Historia no que a historia de Carolina Otero ten un protagonismo especial, e no parque Irmáns Dios Mosquera, onde unha estatua do artista Camilo Rodríguez Vidal lembra a bailarina. Neste parque, xunto á figura de Otero, está tamén a camelia que leva o seu nome, creada no 2000 por Rosa Crespo e Jaime Escofet, e que se cultiva tamén na Estación Fitopatolóxica Areeiro da Deputación e está presente nos xardíns do castelo de Soutomaior. O Concello de Valga celebra cada ano, en febreiro, a Exposición da Camelia Bela Otero.

O proxecto “Aquí faltan páxinas” inclúe unha antoloxía de 12 podcasts, un por cada mes deste 2023, para pór en valor os logros de María Soliña, Elisa Patiño, Olimpia Valencia, Maruja Mallo, Concepción Arenal, Antonina Sanjurjo, María Vinyals, Ernestina Otero, Ángeles Alvariño, Isabel Barreto, Carolina Otero e Sofía Novoa.