A traxectoria da primeira muller almirante, Isabel Barreto, centra este xoves o novo faladoiro de “Aquí faltan páxinas” no Pazo provincial

A charla será impartida, ás 19:00 horas, pola investigadora Eloísa Gómez-Lucena, quen defende a orixe local desta aventureira, descubridora e pioneira da navegación

18/10/2023

A considerada primeira muller en ocupar o cargo de almirante na historia da navegación española, Isabel Barreto, protagoniza este mes de outubro o programa da Deputación de Pontevedra “Aquí faltan páxinas”. Este ciclo de relatos sonoros e conferencias naceu da colaboración da institución provincial coa firma O Cable Inglés para dar a coñecer a traxectoria de mulleres galegas extraordinarias relacionadas coa provincia. Este xoves 19 de outubro o Pazo provincial acollerá, a partir das 19:00 horas, un faladoiro sobre a traxectoria desta aventureira, descubridora e “adiantada dos mares do sur”, que impartirá a investigadora Eloísa Gómez-Lucena, quen defende a orixe pontevedresa de Barreto. No acto participará a deputada provincial de Igualdade, Sandra Bastos, e conducirao Marián Fernández, de O Cable Inglés, coordinadora da colección.

Isabel Barreto de Castro (1567-1612)  tivo unha vida fascinante e chea de aventuras pola conquista dos mares do sur á fronte dunha das expedicións marítimas españolas máis longas do século XVI. Atravesou o océano Pacífico e foi a primeira en facelo polo hemisferio sur. O seu piloto, Pedro Fernández de Quirós, acusouna de ser cruel ao mando da expedición, pero outros membros da tripulación aseguran que foi unha valente heroína.

O faladoiro estará a cargo de Eloísa Gómez-Lucena, recoñecida investigadora, antropóloga, documentalista e escritora que colabora en diversas publicacións de divulgación histórica e está especializada nos artigos sobre personaxes femininas dos séculos XVI e XVII e que sostén que Barreto naceu en Pontevedra e probablemente foi bautizada na basílica de Santa María a Maior. Licenciada en Filosofía na especialidade de Antropoloxía e diplomada en Arquivo, Biblioteconomía e Documentación, Gómez-Lucena escribiu varias obras, entre elas Españolas del Nuevo Mundo, un compendio de 38 ensaios biográficos de mulleres que desenvolveron algún labor singular en América nos séculos XVI e XVII, ou o libro de viaxes Del Atlántico al Pacífico, que narra as experiencias da súa estadía polo sur dos Estados Unidos e do norte de México, froito do proxecto “Investigación e reconstrución histórica da viaxe de Álvar Núñez Cabeza de Vaca polos actuais Estados Unidos y México”, que desenvolveu para o Ministerio de Cultura.

Ademais da conferencia, a historia de Isabel Barreto estará tamén dispoñible a partir do xoves no podcast de “Aquí faltan páxinas” (nas principais plataformas de retransmisión en directo e na páxina web da institución provincial) e unha ruta virtual que inclúe como lugar clave da provincia na súa biografía a basílica de Santa Maria a Maior. Nela foi bautizada Isabel Barreto e constitúe o único punto no mapa vital da navegante en Pontevedra, xa que de nena se trasladou coa súa familia a Lima, partindo do porto de Sanlúcar de Barrameda.

O proxecto “Aquí faltan páxinas” inclúe unha antoloxía de 12 podcasts, un por cada mes deste 2023, para pór en valor os logros de María Soliña, Elisa Patiño, Olimpia Valencia, Maruja Mallo, Concepción Arenal, Antonina Sanjurjo, María Vinyals, Ernestina Otero, Ángeles Alvariño, Isabel Barreto, Carolina Otero e Sofía Novoa.

videos