A Deputación destina preto de 1,7 millóns de euros para que dez concellos da provincia contraten 101 persoas, afronten gasto corrente e impulsen novos investimentos
Trátanse de recursos do Plan +Provincia, dos que se benefician Gondomar, A Guarda, Meis, Mos, Ponte Caldelas, Ponteareas, O Porriño, Redondela, Salvaterra de Miño e Vilanova de Arousa
23/02/2024
A Deputación acaba de aprobar na Xunta de Goberno que se destinen preto de 1,7 millóns de euros para que dez concellos da provincia contraten 101 persoas, afronten gasto corrente e impulsen novos investimentos ao abeiro das liñas 1, de investimento, 2, de gasto corrente, e 3, de emprego, do Plan +Provincia. Benefícianse destes recursos Gondomar, A Guarda, Meis, Mos, Ponte Caldelas, Ponteareas, O Porriño, Redondela, Salvaterra de Miño e Vilanova de Arousa. “Seguimos sumando, tendendo pontes, transformando esta provincia para que vaia máis e os datos son claros: no que vai de ano, ao abeiro do Plan +Provincia, o programa que está a transformar Pontevedra como nunca antes se fixera, aprobamos xa 6 millóns de euros para os concellos”, asegurou o presidente.
No marco da liña 3, de emprego, a Xunta de Goberno aprobou 1,3 millóns de euros para que os concellos de Gondomar, A Guarda, Meis, Mos, Ponte Caldelas, Ponteareas e Salvaterra de Miño poidan contratar 101 persoas desempregadas. “Ata o de agora aprobáronse preto de 5,4 millóns de euros para que 34 concellos contraten 443 persoas desempregadas, o que supón que en menos dun mes e medio xa aprobamos o 58 % desta liña”, detallou Luis López.
Deste xeito, Ponteareas recibirá 236.883 euros para contratar 16 persoas desempregadas que traballarán como peoas de medio ambiente (8), monitoras (3), técnicas de xestión (1), auxiliar administrativas (1), condutoras palistas (1), peoas de vías e obras (1) e técnicas de protocolo (1). No caso de Tomiño serán 224.461 euros para 18 persoas que se encargarán de executar tarefas de recollida de lixo (3), peoas forestais (2), condutoras (2), oficialas albaneis (2), varredoras (2), técnicas de turismo (2), monitoras socioculturais (1), fontaneiras (1), peoas de limpeza (1), cobradoras (1) e bibliotecarias (1); e Gondomar beneficiarase de 213.838 euros para contratar peoas de obras públicas (7), administrativas (1), auxiliares administrativas (1), condutoras de camión (1), palistas (1) e tractoristas (1).
Pola súa banda, Mos destinará 182.003 euros para que 12 persoas desempregadas traballen como peoas forestais (8), peoas de construción (3) e oficialas 2.º de albanelería (1); A Guarda beneficiarase de 171.520 euros do Plan +Provincia para contratar 12 persoas desempregadas para desempeñar postos de traballo como peoas limpadoras (11) e ordenanzas (1); Ponte Caldelas contará con 124.527 euros para 23 persoas, que se ocuparán da conservación de parques urbanos (15), mantemento da rede de sumidoiros (4), de conducir maquinaria (2), das tarefas de operario (1) e administración (1); e Meis destinará 108.573 da liña 3 do Plan +Provincia para contratar oito persoas como peoas de obras públicas (3), peoas forestais (1), fontaneiras (1), pintoras (1), electricistas (1) e albaneis (1).
No caso da liña 2, de gasto corrente, o presidente da Deputación informou de que a Xunta de Goberno provincial acaba de aprobar 262.000 euros para os concellos de Mos, O Porriño e Vilanova de Arousa. En concreto ao Porriño diríxense 91.184 euros para o apoio e reforzo escolar de menores en desvantaxe (43.554 euros), para accións de formación académica a familias en risco de exclusión social (18.959 euros) e para o programa “Tempo para nós”, de dinamización de persoas maiores (28.691 euros). Pola súa banda, a Mos destínanse 90.000 euros para o servizo de desbroza, limpeza de cunetas e marxes de camiños municipais; e para Vilanova de Arousa, 80.465 euros para a conservación da rede viaria municipal. Con estes recursos, son xa 500.000 euros os destinados a cinco concellos da provincia ao abeiro da liña 2 do Plan +Provincia.
Ademais, a Xunta de Goberno da Deputación estreou a liña 1, de investimentos, cunha achega de 166.000 euros destinada a Redondela para a obra de substitución de céspede artificial no campo de fútbol de Chapela. Trátase dunha actuación que ascende a 330.118 euros e que será financiada ao 100 % polo organismo provincial, xa que a estes recursos do Plan +Provincia hai que engadirlles outros 163.615 euros do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas que tamén se aprobaron na Xunta de Goberno desta semana.