A Deputación destina preto de 100.000 euros para que Poio e Cerdedo-Cotobade impulsen e melloren infraestruturas deportivas

Con estas achegas do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas, ambos os concellos realizarán obras para modernizar campos de fútbol municipais

16/03/2024

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar dúas axudas do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas, que ascenden a 98.935 euros para os concellos de Cerdedo-Cotobade e Poio. Mentres que do primeiro sufragará o 100 % do orzamento das obras de mellora nas instalacións do campo de fútbol das Estremas, Poio contará con 48.503 euros para reparar os vestiarios do campo de fútbol da Seca.

No caso de Cerdedo-Cotobade, a obra xorde pola necesidade de modernizar as instalacións deste campo, situado na parroquia de Carballedo, con obras que se levarán a cabo na cantina, nos vestiarios, almacén e sala de caldeiras, nas bancadas e no mesmo campo de fútbol, onde se repararán, entre outros, as ancoraxes das porterías e o muro de peche. Ademais, instalaranse papeleiras de reciclaxe e pintaranse os pechamentos. Por outra banda, realizarase un novo pozo de barrena e executaranse novos alxibes.

Pola súa parte, o Concello de Poio poderá modernizar e mellorar esta zona de vestiarios do complexo deportivo da Seca, formada por dous aseos e unha sala de trofeos, que actualmente se atopa en mal estado debido ás filtracións de auga que se producían a través das bancadas que conforman o teito das estancias. Deste xeito, aumentarase o número de vestiarios existente, habilitaranse espazos que non se empregan na actualidade debido ao seu mal estado e melloraranse a seguridade e accesibilidade a estas instalacións deportivas. Ademais, estes recursos do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas para Poio súmanse aos 51.000 euros xa aprobados para construír o primeiro circuíto de pump track da vila, cos que se completa a contía máxima aprobada pola Deputación para o concello no marco deste plan.

O Plan extraordinario de infraestruturas deportivas está aberto aos 59 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, que aínda poden solicitar beneficiarse das súas axudas. Ata o momento, o Goberno provincial xa mobilizou preto de 500.000 euros dos 4 millóns de orzamento total, con achegas para Pazos de Borbén, Barro, Redondela, Crecente e Arbo, ademais das de Cerdedo-Cotobade e Poio.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.