A Deputación organiza esta fin de semana sete novas saídas ao abeiro do programa +Convivencia
Máis de 400 veciños de Bueu, Moaña, Mos, Salvaterra de Miño e Vigo visitarán recursos de interese turístico da provincia como o casco histórico de Pontevedra, o Belén de Valga ou a ría de Vigo en barco
12/12/2024
Máis de 400 veciños e veciñas de sete colectivos sociais dos concellos de Bueu, Moaña, Mos, Salvaterra de Miño e Vigo participarán esta fin de semana en saídas do programa +Convivencia, unha iniciativa da Deputación de Pontevedra que ofrece a oportunidade de compartir experiencias e crear espazos de participación en recursos patrimoniais da provincia. Nesta quenda o programa chegará a recursos turísticos da provincia como o Belén de Valga, o Nadal de Cangas do Morrazo, o casco histórico de Pontevedra ou o conxunto etnográfico da Casa do Patrón, en Lalín.
As primeiras saídas serán o sábado da man de dous colectivos de Vigo. 53 mulleres da Asociación de Mulleres Dorna da parroquia do Cristo da Vitoria visitarán Pontevedra, mentres que outras 55 da Asociación de Veciños de Coruxo se achegarán tanto á Boa Vila como a outros puntos da comarca.
O domingo, tamén desde Vigo participará a Asociación Cultural Lenha Verde, con 52 persoas que realizarán un paseo en barco pola ría de Vigo e unha visita guiada polo casco histórico. Desde a comarca do Morrazo participarán dous colectivos, a Asociación de Párkinson da Provincia de Pontevedra (Bueu) con 100 persoas que se desprazarán a Cangas do Morrazo para gozar do seu Nadal, e mais a Asociación de Mulleres de Moraña que mobilizará 50 persoas para realizar unha escapada ao Baixo Miño. Tamén participarán en +Convivencia a Asociación Cultural O Son dos Cantares (Mos), con 55 persoas que visitarán o conxunto etnográfico da Casa do Patrón, en Lalín, e a Asociación de Mulleres Rurais Tempo Gañado (Salvaterra de Miño), que sairán con 54 persoas ata Valga para visitar o seu famoso Belén.
O programa +Convivencia, cun orzamento de 220.000 euros, permite a entidades sen fins de lucro coñecer o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra. A Deputación oferta un amplo catálogo de actividades relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, a relixiosa ou a popular, co Camiño de Santiago ou cos museos. Todas as propostas están abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPAS da provincia. Como novidade, o goberno provincial destina este ano a cada entidade unha axuda de ata mil euros para que poida xestionar e deseñar con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local.