A Deputación pon en marcha unha nova edición do programa +Convivencia para que as entidades sociais percorran a provincia e dinamicen o comercio local

O prazo para solicitar participar neste programa, que aumentou este ano o seu orzamento nun 25% medrando ata os 275.000 € tralo éxito de 2024, cando a xestión das saídas pasou a estar en mans das asociacións, abre este luns 3 de marzo

02/03/2025

A Deputación de Pontevedra pon en marcha a nova edición do programa +Convivencia, abrindo este luns 3 de marzo o prazo para que as entidades sociais da provincia poidan presentar solicitudes. O obxectivo do programa, que forma parte do labor desenvolvido pola institución provincial para apoiar ás entidades de iniciativa social da provincia, é axudarlles a que compartan experiencias, creen espazos de participación e poñan en valor o patrimonio da provincia. Despois do grande éxito que tivo o programa no 2024, cando a xestión das saídas pasou a estar en mans de cada asociación, e máis de 13.000 persoas de 200 entidades gozaron de excursións pola provincia, este ano a institución provincial aumenta nun 25% o orzamento, pasando dos 220.000 aos 275.000 euros.

Desta maneira, no marco de +Convivencia, a Deputación oferta un amplo catálogo de actividades e rutas que inclúe propostas de todo tipo: relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, a relixiosa, a popular, cos faros, co Camiño de Santiago ou cos museos. As actividades están abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPAS da provincia. En total, ofértanse un máximo de 229 propostas e cada entidade recibirá ata 1.200 euros para poder organizalas, fronte aos 1.000 euros do pasado ano. Ademais, o número mínimo de persoas participantes en cada excursión redúcese a 30 ou 20 no caso daquelas viaxes ou actividades nas que sexa necesario contratar autobuses e participen persoas con mobilidade reducida que precisen unha cadeira de rodas ou outras axudas técnicas.

As entidades interesadas en participar en +Convivencia poderán solicitar saídas ata o 1 de decembro ou ata que se esgote o crédito dispoñible, sendo a data límite para poder realizar as actividades o 31 de decembro de 2025.