A Deputación estrea coa veciñanza de Vigo as saídas da nova edición do programa +Convivencia

70 xubilados e pensionistas da cidade participarán este martes 8 de abril nunha visita guiada pola illa de San Simón, en Redondela

05/04/2025

Un total de 70 persoas de Vigo serán as encargadas de estrear as saídas do ano 2025 do programa +Convivencia, unha iniciativa da Deputación de Pontevedra que ofrece a oportunidade de compartir experiencias e crear espazos de participación en recursos patrimoniais da provincia.

Deste xeito, 70 membros da Unión de Xubilados e Pensionistas da UXT en Vigo participarán o martes 8 de abril nunha visita que os levará ata a illa de San Simón, en Redondela, onde realizarán un percorrido guiado. A actividade comezará ás 10:00 horas, con saída desde o porto de Vigo, cara a un enclave patrimonial con especial relevancia histórica na provincia de Pontevedra, ao ser un dos escenarios da batalla de Rande e posteriormente cárcere durante o réxime franquista.

O programa +Convivencia, cun orzamento de 275.000 euros (un 25% máis que os 220.000 euros da súa primeira edición), permite a entidades sen fins de lucro coñecer o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra. A Deputación oferta un amplo catálogo de actividades relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, relixiosa ou popular, co Camiño de Santiago ou cos museos, entre moitas outras. Todas as propostas están abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPAS da provincia.

O goberno provincial destina este ano a cada entidade unha axuda de ata 1.200 euros (o ano pasado as axudas máximas eran de mil euros) para que poida xestionar e deseñar con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local. Ademais, o número mínimo de persoas participantes en cada excursión é de 30, ou 20 no caso daquelas viaxes ou actividades nas que sexa necesario contratar autobuses e participen persoas con mobilidade reducida que precisen unha cadeira de rodas ou outras axudas técnicas. Ao longo de 2025 poderán participar no programa un total de 229 entidades.