Luis López anuncia a posta en marcha dunha nova edición do programa +Convivencia, dotado con 275.000€ para que as entidades sociais percorran a provincia e dinamicen o comercio local
A Deputación aumenta o orzamento do programa nun 25% tralo éxito de 2024, cando a xestión das saídas pasou a estar en mans de cada asociación e participaron máis de 13.000 persoas de entidades de toda a provincia
14/02/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acaba de anunciar a posta en marcha dunha nova edición do programa +Convivencia para que entidades sen fins de lucro compartan experiencias, creen espazos de participación e poñan en valor o patrimonio da provincia. Despois do grande éxito que tivo o programa no 2024, cando a xestión das saídas pasou a estar en mans de cada asociación, e máis de 13.000 persoas de 200 entidades gozaron de excursións pola provincia, este ano a institución provincial aumenta nun 25% o orzamento, pasando dos 220.000 aos 275.000 €. “O noso obxectivo é estar ao carón das entidades sociais da provincia, para ofrecer a toda a nosa veciñanza oportunidades de ocio que xeran, ademais, espazos de encontro e convivencia”, asegurou López.
En concreto, no marco de +Convivencia, a Deputación ofertará un amplo catálogo de actividades e rutas que inclúe propostas de todo tipo: relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, a relixiosa, a popular, cos faros, co Camiño de Santiago ou cos museos. As actividades estarán abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPAS da provincia. E en total, ofertaranse un máximo de 229 propostas e cada entidade recibirá ata 1.200 euros para poder organizalas, fronte aos 1.000 € do pasado ano.
Unha vez publicadas as bases no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, as entidades interesadas terán entre o 1 de marzo e o 1 de decembro para poder solicitar algunha das actividades de +Convivencia, sendo a data límite para realizar as mesmas o 31 de decembro deste 2025.