Deputación de Pontevedra
“O noso Nadal”
os nosos bos desexos para todas e todos
“O noso Nadal” inclúe unha completa programación de actividades e a iluminación dos edificios provinciais
Un grande abeto decorado con pandeiretas e zocos preside desde o venres 29 de novembro o vestíbulo do Pazo provincial.
A Deputación busca este ano poñer en valor as tradicións e o traballo das e dos artesáns da provincia cunha intensa programación co título “O noso Nadal”.
Un total de 250.000 luces eficientes iluminarán as sedes provinciais e ofrécense múltiples actividades para a cidadanía, con epicentro no castelo de Soutomaior e no Museo de Pontevedra.
A fortaleza reedita este ano as súas tradicionais visitas teatralizadas para a rapazada e repite o espectacular videomapping proxectado sobre a torre da homenaxe. A maiores, este ano ofreceranse catro sesións de contacontos e colocarase unha caixa de correo no patio de armas para que poidades depositar as vosas cartas cos bos desexos para a entrada do 2025.
Decembro e xaneiro tamén serán dous meses de moita actividade no Museo de Pontevedra.
Desde o 29 de novembro poderase visitar no Edificio Sarmiento a exposición É tempo de xogar, unha pequena escolma dos preto de 700 xoguetes antigos que forman a colección de Juan Manuel Alfaya Ocampo. Ademais, no Nadal estarán activas outras tres mostras: a nova de Acisclo en 66 obras, Vento, José Benito Otero Baena, e Infiltracións II, ata o 2 de marzo.
Ademais, o Museo de Pontevedra acollerá a IV Gala Lírica de Nadal do Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga, a actividade “Cinema de historias da man de Alice Guy” e un obradoiro infantil que transformará o edificio nunha fábrica de xoguetes entre o 21 de decembro e o 7 de xaneiro.
Toda a información pode consultarse na web do Museo de Pontevedra: https://museo.depo.gal/.
Haberá un programa cunha serie de concertos de Nadal en concellos da provincia de Pontevedra que se desenvolverán nos meses de decembro de 2024 e xaneiro de 2025.