A Deputación espalla a música tradicional de Nadal pola provincia co ciclo de concertos Entradiñas de Aninovo

As actuacións terán lugar entre decembro e xaneiro en espazos culturais e patrimoniais dos concellos de Agolada, Arbo, Baiona, Bueu, Dozón, A Estrada, A Guarda, A Lama, Mondariz, Oia, Ponteareas, Portas, Ribadumia, Sanxenxo, Valga e Vilagarcía de Arousa

13/12/2024

Obradoiro de nadal Marabillas xiratorias

A Deputación de Pontevedra programa Entradiñas de Aninovo, un ciclo de 17 concertos en espazos culturais e patrimoniais dos concellos da provincia cun repertorio clásico, tradicional e popular para desfrutar do Nadal en familia que se desenvolverá entre decembro e xaneiro. O ciclo comeza este mesmo sábado 14, da man de agrupacións corais e artistas con vínculos coa provincia e que non participan no resto de programación cultural da institución provincial.

A primeira actuación do ciclo será da man de María do Ceo, o sábado 14 de decembro na igrexa de Santa Baia (Mondariz) ás 20:30 horas. María do Ceo tamén actuará o domingo 12 de xaneiro na Guarda, na Igrexa de Santa María ás 20:00 horas. Pola súa banda o Coro Gli Appassionati ofrecerá dúas actuacións, o domingo 15 de decembro no Auditorio do centro multiúsos de Arbo ás 18:00 horas e o venres 20 de decembro no Auditorio Reveriano Soutullo de Ponteareas ás 19:30 horas.

A seguinte actuación será o sábado 21 de decembro da man da Banda de Música Municipal de Agolada, que actuará no Auditorio Municipal Manuel Costa Casares de Agolada, nesta ocasión acompañada da súa escola de música. O ensemble de Vento e Percusión da banda actuará no Auditorio da Azucreira de Portas o domingo 22 de decembro ás 18:30 horas, e tamén o domingo 29 de decembro na nave do polígono industrial de Dozón ás 17:00 horas.

Emilio Rúa e Xosé Carlos Caneiro ofrecerán dúas actuacións, o domingo 22 de decembro no Auditorio da Azucreira de Portas ás 18:30 horas e o sábado 4 de xaneiro na Igrexa do Mosteiro de Oia ás 20:00 horas. Pola súa banda, o coro Tolemia’s Consort tamén actuará en dúas ocasións, o sábado 28 de decembro na Igrexa Novo Templo de Sanxenxo ás 20:30 horas e na igrexa do Convento de Vista Alegre de Vilagarcía de Arousa o venres 3 de xaneiro.

A Banda de Gaitas da Provincia de Pontevedra tamén celebrará dous concertos no marco deste ciclo, o primeiro deles o domingo 29 de decembro no Teatro Principal da Estrada ás 19:30 horas e o segundo o sábado 11 de xaneiro na excolexiata de Santa María de Baiona, ás 20:00 horas. Ademais, o sábado 4 de xaneiro, terá lugar unha actuación lírica de Dania Diva na igrexa de San Salvador da Lama ás 19:00 horas.

Por último, o Ballet de Galicia ofrecerá tres actuacións: o venres 10 de xaneiro no Centro Social do Mar de Bueu, o sábado 11 de xaneiro no Auditorio municipal de Valga ás 19:00 horas e, finalmente, o domingo 12 de xaneiro no Auditorio municipal de Ribadumia ás 19:00 horas.

O ciclo Entradiñas de Aninovo é unha actividade posta en marcha pola Deputación de Pontevedra por vez primeira este ano. Cun orzamento de 60.000 euros, súmase ás actividades programadas no Castelo de Soutomaior (visitas teatralizadas, un videomapping e sesións de contacontos) e no Museo de Pontevedra (exposicións temáticas, obradoiros infantís a actuacións musicais) para festexar O Noso Nadal.