A Deputación avanza no obxectivo de internacionalizar o Museo de Pontevedra cun proxecto de residencias artísticas en Bruselas e Madrid
Tralo éxito da residencia artística organizada este ano na Academia de Arte e Deseño de Basilea, a institución provincial transforma Novos Valores con dúas residencias artísticas na Fondation Walter & Nicole Leblanc de Bruselas e no Centro de Residencias Artísticas Matadero Madrid
17/12/2024
A Deputación segue a dar pasos para proxectar o Museo de Pontevedra a un ámbito máis internacional e contemporáneo cun novo proxecto de residencias artísticas en Bruselas e Madrid. Neste 2024 o organismo provincial organizou xa unha residencia artística na Academia de Arte e Deseño de Basilea que espertou un grande interese entre as e os creadores e para o 2025 transforma Novos Valores con dúas residencias que levarán a dous artistas emerxentes da provincia ata a Fondation Walter & Nicole Leblanc de Bruselas e ata o Centro de Residencias Artísticas Matadero Madrid. As bases da convocatoria veñen de ser publicadas no Boletín Oficial da Provincia.
Vinte anos despois de poñer en marcha o certame de artes plásticas Novos Valores en 2004, a Deputación reorienta este proxecto substituíndo o certame por un programa de residencias artísticas internacionais. O obxectivo é darlle un novo pulo cunha perspectiva máis actualizada. “Abandonamos o formato tradicional do certame de artes plásticas para abrazar unha iniciativa máis aberta, innovadora e global, que conecta o arte coa reflexión crítica e a participación social”, sinala Rafael Domínguez, vicepresidente da Deputación.
Búscase que o Museo de Pontevedra non sexa só un lugar de exhibición para os novos creadores, senón que tamén contribúa á creación de obras plásticas. Domínguez explica que “este xiro estratéxico non só reforza o apoio aos artistas noveles da nosa provincia, senón que tamén consolida ao Museo como un verdadeiro motor cultural da provincia e da comunidade artística internacional, grazas á colaboración con entidades de prestixio a nivel europeo”. Neste eido a través desta convocatoria vanse seleccionar, por concorrencia competitiva, dous proxectos gañadores de dúas residencias para desenvolver proxectos en Bruselas e en Madrid. En concreto, as persoas seleccionadas levarán a cabo a súa residencia artística na Fondation Walter & Nicole Leblanc de Bruselas durante catro semanas e durante tres meses en Matadero Madrid. Ademais, as obras resultantes da residencia artística exporanse na Bienal de Arte de Pontevedra.
Para poder optar a estas residencias artísticas (valoradas en 9.500 euros para o desenvolvemento dos proxectos, gastos de transporte e manutención ademais doutros 5.500 euros que asumirá a Deputación para o transporte e seguro das obras desde Bruselas a Madrid e desde Madrid a Pontevedra), as persoas interesadas deberá ter máis de 18 anos e ser comisarias, artistas creadoras ou investigadoras de proxectos artísticos, residentes ou nadas na provincia de Pontevedra, con nivel alto de inglés ou francés. Xunto coa solicitude presentarán a memoria do proxecto, que será unha iniciativa artística específica, orixinal e inédita, así como un currículo artístico, un dossier e un cronograma de traballo aproximado. O prazo será de 20 días a contar desde este mércores, 18 de decembro.
Residencias artísticas
Este novo enfoque de Novos Valores supón unha consolidación da aposta do Museo de Pontevedra e da Deputación por favorecer a internacionalización da creación contemporánea galega mediante a fórmula de residencias artísticas, así como dar visibilidade a proxectos artísticos contemporáneos, impulsar a formación e a promoción da arte, e contribuír ao establecemento de redes creativas e colaborativas na arte, o deseño e a ciencia, tanto desde a teoría como desde a práctica.
Para poder executar estas novas residencias artísticas, a Deputación asinou un convenio de colaboración con Madrid Destino, Cultura, Turismo y Negocio SA para a realización das residencias artísticas no Centro de Creación Contemporánea Matadero Madrid, e coa Fondation Walter & Nicole Leblanc para a parte das residencias que ten lugar en Bruxelas. Estas entidades facilitan os espazos nos que se desenvolverán as residencias, mentres que a Deputación de Pontevedra aporta 19.000 € e asumirá os custos relativos ao transporte das obras, unha vez rematada a residencia.