A Deputación abre este martes o prazo para inscribirse no obradoiro de nadal ‘Marabillas xiratorias’, no Museo de Pontevedra

Serán catro quendas nos días 26, 27 de decembro e 2 e 3 de xaneiro, dirixido a persoas de todas as idades

14/12/2024

Obradoiro de nadal Marabillas xiratorias

A programación de nadal do Museo de Pontevedra inclúe este ano varias actividades arredor dos xogos, xoguetes e a súa fabricación artesanal. Nas mañás dos días 26 e 27 de decembro e 2 e 3 de xaneiro terán lugar catro quendas independentes do obradoiro ‘Marabillas xiratorias’. As persoas participantes aprenderán a facer o seu ‘taumatropo’, o máis antigo xoguete óptico precursor do cine. A inscrición a este obradoiro abre o próximo martes 17 de decembro a partir das 10:00 h, escribindo a reservas.museo@depo.gal.

Antes do zoótropo e o praxinoscopio inventouse o taumatropo. Este xoguete victoriano consiste nun simple disco que presenta diferentes imaxes en cada lado e dous anacos de corda para facelo xirar. As imaxes cambian tan rapidamente que o noso cerebro superpón e fusiona as imaxes. Cos mesmos materiais que se utilizaron para confeccionar o primeiro taumatropo, as persoas participantes construirán marabillas xiratorias de movemento máis fluído, engadindo novos conceptos e un maior número de imaxes. O obradoiro impárteo a ilustradora Carme Pintos. Está dirixido a persoas de todas as idades. As nenas e nenos menores de 12 anos teñen que asistir na compañía dunha persoa adulta.

Outro obradoiro permanecerá aberto de maneira permanente durante o nadal. Do 21 de decembro ao 7 de xaneiro, calquera persoa que se achegue á exposición ‘É tempo de xogar’, poderá fabricar o seu propio xoguete para levar a casa, nun obradoiro de acceso libre, dispoñible durante todo o horario de apertura do Museo e xestionado polo departamento de Educación.

A exposición ‘É tempo de xogar’ reúne no Edificio Sarmiento arredor de 150 xoguetes antigos da colección do redondelán Juan Manuel Alfaya Ocampo. O propio coleccionista realiza conduce todos os mércores e venres ás 18:00 h visitas guiadas á exposición, para as que non é precisa reserva previa, salvo que se queira concertar unha visita para grupo noutro horario.