A Deputación leva esta semana ao Museo espectáculos de teatro e monicreques con ‘Molto barroco’ de Píscore e ‘Un Nadal cheo de contos’, de Tarabelos

O xoves 2 de xaneiro a compañía Píscore ofrecerá a súa comedia musical para toda a familia, e o día seguinte Tarabelos presentará a súa obra de marionetas dirixida a nenas e nenos a partir de 3 anos

29/12/2024

A Deputación de Pontevedra ofrecerá esta semana no Museo de Pontevedra dous novos espectáculos de teatro e monicreques dirixidos a toda a familia. O xoves 2 de xaneiro ás 18:00 horas, a compañía Píscore presenta ‘Molto barroco’, unha comedia musical para público de todas as idades, e o venres 3 de xaneiro, tamén ás 18:00 horas, Tarabelos pon en escena o espectáculo de marionetas ‘Un nadal cheo de contos’, dirixido a nenas e nenos a partir de 3 anos. Ambas actuacións terán lugar no Edificio Castelao, con entrada de balde ata completar a capacidade.

‘Molto barroco’ é unha premiada montaxe que transita entre o teatro, a música barroca, a comedia e a participación do público, cunha exquisita banda sonora que combina pezas clásicas e composicións orixinais de Adrián Saavedra. Con motivo do baile de petición de man da súa prometida, o Rei encarga ao Compositor da corte unha peza orixinal. Esta solicitude desencadea unha serie de escenas cómicas entre o Compositor e os seus tres músicos de cámara nas que teñen cabida todo tipo de escenas cómicas, números musicais, bailes e ata xogos malabares.

O espectáculo de monicreques e contacontos de Tarabelos fálanos dun Nadal cheo de contos, que viaxan nas nubes e no vento e chegan a nós arrastrados polas chuvias, as neves, a poalla e polas fortes tormentas do inverno. Trátase dunha proposta pensada para os máis cativos e cativas, a partir dos 3 anos.

Ligazóns de interese