A Deputación acada en 2024 o maior dato en dez anos de visitas ás exposicións temporais e permanente do Museo de Pontevedra

Increméntase o número de visitantes individuais, grupos e participantes en actividades, aínda que o dato global baixa debido ao peche das ruínas de San Domingos por reformas durante varios meses

04/01/2025

O Museo de Pontevedra atraeu en 2024 máis visitantes á súa colección permanente, ás exposicións temporais e ás actividades e actos organizados nas súas instalacións.  Das 145.876 persoas que o ano pasado pasaron polo Museo, 72.844 acudiron ao Edificio Castelao e o Edificio Sarmiento, que concentran o groso da exposición permanente, as mostras temporais e a maior parte das actividades desenvolvidas por esta entidade. Isto supón un incremento de 8.744 persoas con respecto ao ano anterior, unha alza do 13,6% sobre o que xa fora o de maior número de visitas dos últimos trece anos.

O dato global, contando as Ruínas de San Domingos, baixa en 43.000 persoas debido a que o antigo convento dominico estivo pechado durante varios meses debido a uns traballos de limpeza e consolidación que houbo que acometer e que provocaron que a súa apertura se atrasase ao 16 de xullo, en vez de abrir en Semana Santa, data habitual en anos anteriores. Pero o resto de visitas analizadas contabilizan un incremento con respecto a 2023.

“Os datos de visitas son extraordinariamente bos, e demostran que a cidadanía pontevedresa e as persoas que nos visitan valoran o contido e as propostas do Museo”, sinalou o vicepresidente, Rafa Domínguez. “Máis aló do innegable tirón das Ruínas, que é un emblema desta cidade, hai un interese por coñecer máis a fondo as coleccións do Museo e valóranse as exposicións temporais que se organizan no Museo e todas as actividades que ao longo do ano o sitúan como un foco cultural de primeira orde, non só a nivel local, senón tamén para toda Galicia”.

O número de visitantes individuais á colección permanente e as exposicións temporais incrementouse nun 18% con respecto a 2023 acadando as 35.228 persoas. No que se refire ás visitas en grupo, aumentaron nun 17%, chegando aos 9.185 visitantes. En ambos os casos, o dato de 2024 son os mellores nos últimos dez anos.

Tamén se incrementou lixeiramente o número de visitantes en grupos escolares, consolidando con 13.852 nenos e nenas o crecemento destas visitas desde os anos da pandemia. De feito, este 2024 acaba como o terceiro mellor neste aspecto desde 1995, só superado polos anos 2000 e 2018. E as actividades e actos organizados ao longo de todo o ano convocaron a 14.578 persoas, de novo cun incremento significativo co dato de 2023, en concreto un 11%.

Exposicións temporais

A exposición máis vista este ano foi ‘A era das fábulas. A arte e o poder rexenerador da fantasía’, que ao longo dos meses do verán convocou a 16.495 persoas, a maior cifra nunha mostra temporal no Museo nos últimos anos. Pero a exposición organizada en colaboración coa Fundación María José Jové e TBA21 non foi a única destacada do ano que remata. Un total de 5.620 persoas achegáronse á mostra ‘Castelao: o retorno a Galicia, 1984’ e 3.031 persoas a ‘Berta Cáccamo. Correspondencias de arquivo’. A mostra ‘José Benito Otero Baena. Un pintor sen pinceis’, aínda aberta, achégase xa a esas cifras.