A Deputación comeza as actividades do Ano Castelao no Museo de Pontevedra cunha visita guiada, a actuación de María do Ceo e a proxección de ‘Castelao: de chumbo a verba’
As actividades desenvolveranse na tarde do 7 de xaneiro, día no que se compren 75 anos da morte do artista e intelectual galeguista
05/01/2025
O Museo de Pontevedra comeza este martes 7 de xaneiro as actividades polo Ano Castelao, conmemorando o 75 aniversario do seu pasamento cunha visita guiada especial ás 18:00 horas ás salas que lle dedica o Museo, e ás 19:30 horas unha sesión de cine e música: a proxección de ‘Castelao: de chumbo a verba’ e a actuación de María do Ceo.
A visita guiada percorrerá as dúas salas nas que se exhibe unha parte das máis de 1.800 obras súas que conserva o Museo. Nelas está moi presente a súa faceta de artista, pero tamén as de escritor e político galeguista, imposibles de desligar daquela. A visita terá unha duración de arredor de 60 minutos e, durante este ano, repetirase o primeiro martes de cada mes. É necesaria a inscrición previa, que se pode facer a través dun formulario dispoñible na web.
Ás 19:30 horas terá lugar a proxección e a actuación musical. A música correrá a cargo de Maria do Ceo, unha das voces que mellor conecta Galicia e Portugal. Nacida en Oporto, creceu artisticamente no fado, e a el segue dedicando a súa vida. Desde Cartas de Amor (1997), o seu primeiro disco, leva realizado centenares de concertos e catorce discos que marcan un itinerario emocional con múltiples recoñecementos desde as dúas beiras do Miño.
A continuación proxectarase ‘Castelao: de chumbo a verba’, un documental ficcionado no que se mestura a época actual, os anos centrais da vida de Castelao e imaxes de arquivo para axudar a entender o seu pensamento e a súa dimensión cultural e política. Dirixido por Miguel López en 2017, con Miguel Pernas, Uxía Blanco e Iago Novoa no elenco. Ten unha duración de 60 minutos.
Máis actividades polo Ano Castelao
Ao longo do ano, o Museo de Pontevedra vai desenvolver máis accións conmemorativas. O Museo custodia a maior parte da súa obra artística, ademais da súa biblioteca persoal e importante documentación sobre unha figura clave para entender o século XX en Galicia desde o punto de vista artístico, literario e político.
Ademais das actividades presenciais, o Museo lembra que ten dispoñibles a través da web varias opcións para achegarse á obra de Castelao: explorar as obras que forman a súa colección no Museo, realizar unha visita virtual polas salas do Museo e descargar en PDF o libro ‘Esenciais. Castelao no Museo de Pontevedra', unha introdución á súa figura e á obra presentes na nosa institución.