#CULTURA
Entradiñas de Aninovo
Nadal 2025
Este Nadal, a Deputación de Pontevedra programa unha serie de concertos especiais en espazos dos concellos da provincia que conformarán a segunda edición do ciclo Entradiñas de Aninovo. Entre os meses de novembro de 2025 e xaneiro de 2026, poderemos deleitarnos de novo coa música clásica, tradicional e popular, cun repertorio participativo e acaído para esta época do ano e para poder gozar en familia.
O título está tirado dun verso dunha copla popular de Nadal, de Ayes de mi país, o cancioneiro de Marcial Valladares, publicado por José Luís do Pico Orjais e Isabel Rei Sanmartim:
Despedida de ano vello
entradiña de aninovo
os señores desta casa
as conten con grande gozo.
Calendario de concertos
Banda Filharmónica de Vigo
Sábado 29 de novembro, ás 19 horas
Auditorio do Centro Cultural de San Miguel de Oia, Vigo
Entrada de balde con retirada previa de convite:info@bandafilharmonicavigo.gal | AFORO COMPLETO

De recente creación, está composta por profesionais que proceden de diferentes agrupacións e formacións de banda e teñen entre os seus obxectivos mellorar a comunidade musical na bisbarra de Vigo, mediante a colaboración con entidades e escolas musicais e artistas profesionais de recoñecido prestixio. Aproveitando a presenza e a participación do compositor e director convidado Johan de Meij, un dos máis grandes referentes mundiais da música de banda con obras interpretadas e gravadas por bandas de todo o mundo, ofrecerán un concerto cun repertorio especial e monográfico coas súas pezas e no que participarán ata sesenta e cinco músicos.
https://bandafilharmonicavigo.gal