#IGUALDADE

Ateneo Provincial pola Igualdade

da Deputación de Pontevedra

O Ateneo Provincial pola Igualdade da Deputación de Pontevedra é un recurso público especializado, posto á disposición de toda a cidadanía da provincia, que ten por obxecto ser un referente na promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.


O seu obxectivo principal é a investigación e divulgación artístico-cultural  e científica con perspectiva de xénero.

Desde este espazo búscase fomentar a reflexión arredor da idea da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. Ao mesmo tempo, incentívase a realización de estudos que axuden a detectar as eivas que impiden a súa consecución en diferentes ámbitos, así como a prevención e a detección das diferentes formas de violencia machista.

A programación prevista desde o Ateneo está pensada para procurar a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes na provincia, e fomentar os coñecementos científicos, técnicos e artísticos que axuden a reducir as fendas de xénero.

Trátase dun espazo itinerante que percorrerá todos os concellos da provincia de Pontevedra e que conta cunha ampla oferta na súa programación.

Os alicerces do Ateneo son o coñecemento, a creación e o progreso.

Coa premisa de “coñecer-crear-progresar” articúlase a actividade, que se levará a cabo baixo o paraugas do Ateneo Provincial pola Igualdade, e que terá por obxectivo:

  • Coñecer a situación das mulleres e dos homes nos diferentes ámbitos.
  • Crear contidos con perspectiva de xénero (epistemoloxía feminista).
  • Progresar na consecución da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

Os eixes de actuación do Ateneo englóbanse nos seguintes ámbitos:

Estudos desde a perspectiva de xénero.

Encontros, xornadas, foros, congresos e seminarios.

Ciclos culturais. Actividades culturais das diferentes disciplinas desde a perspectiva feminista no territorio.

Campañas de sensibilización centradas no rexeitamento de todas as formas de violencia sobre as mulleres, no fomento da coeducación, na corresponsabilidade nos coidados e na participación activa das mulleres en todas as esferas da sociedade.

Videoteca.

Presentacións de iniciativas, libros e encontros con escritoras.

O Ateneo Provincial pola Igualdade da Deputación de Pontevedra responde así á firme intención de  crear contidos, implementar programas e difundir o coñecemento acerca de como acadar a verdadeira igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e derrubar o espellismo da igualdade. Para iso, proponse facelo desde unha perspectiva transversal, integrándoa non só no coñecemento profesional, senón tamén no enriquecemento persoal. Búscase construír un espazo de creación de coñecemento e divulgación, e tamén de encontro e de intercambio de experiencias das diferentes ramas profesionais que traballan na loita contra a violencia machista e na procura da igualdade efectiva entre mulleres e homes.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.