
#MulleresQueOpinan
AS MULLERES QUE OPINAN SON PERIGOSAS
2025
Venres 14 e sábado 15 de marzo de 2025
Teatro Principal, Pontevedra
O encontro conta con servizos de interpretación en lingua de signos
Inscrición gratuita
Prazas limitadas ata completar aforo
Este 14 e 15 de marzo de 2025 volven as #MulleresQueOpinan ao Teatro Principal de Pontevedra. Chegamos á oitava edición como un foro xa consolidado e premiado pola Delegación do Goberno nos Recoñecementos Meninas de Galicia 2024, cos que a Administración distingue o traballo de persoas e entidades galegas na loita contra a violencia machista.
Nesta nova edición temos como obxectivo poñer o xornalismo no centro para reivindicar o papel fundamental que, nestes tempos de desinformación e sobreinformación, teñen os medios de comunicación e as profesionais que exercen este oficio en prensa, radio e televisión. O xornalismo de investigación para destapar casos de violencia sexual e a información internacional terán un especial protagonismo nos relatorios deste 2025, xa que queremos coñecer as dificultades destas especialidades dentro do sector e a importancia desa información perigosa.
A nosa teima é rodearnos de referentes da profesión para mostrar e reivindicar o camiño andado por elas, sen esquecernos de que hai futuro, porque hai canteira. Por iso, volvemos mesturar profesionais de longa traxectoria e moi coñecidas con outras máis novas e descoñecidas para o gran público.
Nesta oitava edición escoitaremos quince profesionais de diferentes perfís para seguir amosando que este foro pontevedrés é o punto de encontro necesario para visibilizar e reivindicar o espazo que as mulleres merecen no xornalismo e nos ámbitos de poder e de opinión. Coas novas convidadas deste ano, serán cen as profesionais do xornalismo e da comunicación que estiveron en Pontevedra desde 2018 e que forman parte da rede #MulleresQueOpinan, unha marca de referencia, compromiso e calidade no xornalismo de opinión.
Seguimos aquí, non hai marcha atrás, e o foro As Mulleres que Opinan Son Perigosas reivindica desde Pontevedra o xornalismo como unha resistencia feminista.
PROGRAMA
-
Venres 14 de marzo
- 12:00 h
Inauguración
Diana López e Susana Pedreira, co Concello e coa Deputación
Ver en Youtube - 12:30 h
Gañadoras do II Premio de Opinión #MulleresQueOPinan
María Piñeiro e Antía Yáñez
Ver en Youtube - 13:15 h
“Coordinar unha sección de opinión”
Noelia Adánez, coordinadora de opinión en Público
Ver en Youtube - 14:00 h
Pausa para xantar - 17:00 h
“Notas de voz na terraza. Opinar en videocolumna”
Aida Bao, da Cadena SER
Ver en Youtube - 17:45 h
“Unha homosexualidade propia. Identidade lésbica e referentes culturais”
Inés Martín Rodrigo, xornalista e escritora do Grupo Prensa Ibérica e RNE
Ver en Youtube - 18:30 h
Pausa para café - 18:45 h
“Explicar a actualidade a través do humor”
Raquel Martos, xornalista e escritora de Onda Cero e infoLibre
Ver en Youtube - 19:30 h
“De Moscú a Londres pasando por Washington. O oficio de correspondente e enviada especial”
Anna Bosch, correspondente e enviada especial de TVE. Escribe opinión en RTVE.es
Ver en Youtube
- 12:00 h
-
Sábado 15 de marzo
- 12:00 h
“Non hai historia mala”
María Hermida, de La Voz de Galicia
Ver en Youtube - 12:45 h
“Cuantificar, contextualizar e documentar a violencia machista”
Macarena Baena, responsable de EFEMINISTA
Ver en Youtube - 13:30 h
“As malas nais e as fillas horribles: (un tabú?) máis alá da ficción”
Blanca Lacasa, xornalista e escritora autora de Las hijas horribles
Ver en Youtube - 14:15 h
Pausa para xantar - 17:00 h
“Pensando en ti. Experiencias persoais e opinións de madrugada”
Raquel Rosa, da Radio Galega
Ver en Youtube - 17:45 h
“Xornalismo de investigación contra a violencia sexual”
Ana Marcos e Elena Reina, equipo de investigación de abusos no cine de El País
Ver en Youtube - 18:30 h
Pausa para café - 18:45 h
“Feridas de guerra. Desmontando o relato patriarcal dos conflitos”
Olga Rodríguez, xornalista especializada en información internacional e dereitos humanos de Eldiario.es - 19:30 h
“Unha vida dedicada á información. Corenta anos de televisión”
María Escario, xornalista de TVE xubilada
Ver en Youtube
- 12:00 h
Ligazóns de interese
SOBRE AS RELATORAS
-
Aida Bao Pena
Aida Bao Pena
Xornalista
Dirixe e presenta os informativos da fin de semana na Cadena SER. É, ademais, profesora no máster de Xornalismo UAM-El País e colabora con El País na videocolumna semanal "Notas de voz en la terraza".
Previamente traballou noutros medios, coma La Sexta ou Televisión de Galicia.
IG: @aidabao
-
Ana Marcos
Ana Marcos
Redactora de Cultura en El País. Acaba de publicar A mí no me ha pasado nada (Debate), unha reflexión a partir da súa experiencia no equipo de investigación sobre abusos no cinema español. Foi correspondente en Colombia e seguiu os pasos de Unidas Podemos na sección de “Nacional”, ademais de participar na fundación de Verne.
X: @anitamarcos
IG: @anita_marcos
-
Anna Bosch (Barcelona, 1963)
Anna Bosch (Barcelona, 1963)
Xornalista, correspondente e enviada especial de Televisión Española (TVE)
Comezou a súa carreira na radio e foi parte do equipo que lanzou Euronews antes de converterse en correspondente de TVE. Explicou o mundo e a actualidade desde Moscova, Washington ou Londres como correspondente e desde centos doutros lugares como enviada especial.
En Moscova viviu o cambio de milenio, os últimos anos do presidente Borís Yeltsin e o primeiro de Vladímir Putin, e cubriu momentos chave daquela época, coma os atentados na capital rusa, a segunda guerra de Chechenia e o afundimento do submarino Kursk. Por mor desa experiencia, escribiu o libro El año que llegó Putin. La Rusia que acogió y catapultó a un desconocido (Catarata, 2023).
Desde setembro de 2018 forma parte do equipo de En portada e, á vez, desde marzo de 2022 é correspondente sénior dos Informativos de TVE, onde forma parte das coberturas de TVE para diversos eventos informativos.
Escribe análise e opinión no portal de RTVE Noticias: “La información internacional, con las gafas de Anna Bosch”.
Recibiu premios coma o Ernest Udina á Traxectoria Europeísta 2020, que concede a Asociación de Xornalistas Europeos de Cataluña.
X: @annabosch
IG: @laboschb
TikTok: @la.bos
Web: https://www.rtve.es/noticias/20240115/informacion-internacional-con-gafas-anna-bosch/2470784.shtml
-
Antía Yáñez (Burela, 1991)
Antía Yáñez (Burela, 1991)
Enxeñeira
Xestiona unha academia en Cecebre e organiza obradoiros literarios. Nos seus comezos como narradora gañou os premios de relato curto Xaime Illa Couto, o Certame Literario de Cambre e o Certame de Narracións Breves Manuel Murguía. Para o público infantil e xuvenil publicou O misterio de Portomarín (2016), que ten continuación en O misterio do torque de Burela (2019); o álbum ilustrado A reconquista (2018, Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade); a novela distópica Be Water (2019); e Plan de rescate (Xerais, 2020), Premio Agustín Fernández Paz pola Igualdade. En narrativa para adultos escribiu a novela Senlleiras (2018, Premio Illa Nova) e participou no libro de relatos Entre Donas (2020). O clan das barbies (Xerais, 2024) é a súa segunda novela na colección Narrativa despois de Non penses nun elefante rosa (Xerais, 2022).
Forma parte do comité da revista Luzes e cos seus artigos gañou os premios As Mulleres que Opinan Son Perigosas (2024) e Johan Carballeira de Xornalismo (2022).
X: @AntiaY
IG: @yanezantia
-
Blanca Lacasa
Blanca Lacasa
Xornalista de profesión e escritora de vocación.
Publicou o pasado ano Las hijas horribles (Libros del K. O.), un ensaio que afonda na “hijidad”, especialmente no ―en ocasións― espiñento vínculo entre fillas e nais, e que xa vai pola súa quinta edición (con dereitos de tradución vendidos ao chinés).
Anteriormente xa editara un puñado de libros infantís, entre eles Ni guau ni miau, ¡Ey! Esta es mi casa, ¡Ey! Este es mi colega ou, en 2024, La oveja 19, e tamén, xunto a Lorenzo Montatore, ¡Tengo un miedo! Colaborou, e segue a facelo, en moitísimos medios, que sería aburrido e innecesario mencionar. Tivo un programa de radio, La flaneadora, na tristemente extinta M21. Ademais, cantou no grupo Plastic d’Amour.
Gústalle facer listas do que sexa, é experta catadora de ensalada rusa, ve cinema compulsivamente, camiña sen xeito nin dereito e non hai case nada que non lle interese.
IG: @lacasablan
-
Diana López Varela (Pontevedra, 1986)
Diana López Varela (Pontevedra, 1986)
É xornalista pola Universidade de Santiago de Compostela e ten moitos másteres que non colgan en ningunha parede. En 2012 crea o blog Suspenso en Religión e, a partir de entón, desenvolve súa actividade profesional como guionista, escritora e colaboradora en medios de comunicación.
Como guionista, escribiu a segunda temporada da webserie Clases de lo social e a curtametraxe musical Superpunky, e tamén escribiu e dirixiu a obra de teatro No es país para coños e a curta Feminazi (premio do público no Ourense Film Festival de 2018). Coescribiu o documental 25 anos de cinema galego, a adaptación para lectura dramatizada de Pulp Fiction, a película de animación Memorias de un hombre en pijama (seleccionada para os premios Goya 2019), e as películas Mañana no te olvides e O home e o can, coa que recibiu a subvención de talento da Axencia Galega das Industrias Culturais polo seu guión. Foi guionista e redactora en diversos programas da Televisión de Galicia (TVG), coma Land Rober Tunai Show, O Gato con Botas ou Vou que teño que ir, e en varios episodios das series Serramoura e A estiba. Escribiu e dirixiu o monólogo teatral A síndrome de Lis e colaborou na escrita do monólogo cómico Home.
É autora dos ensaios No es país para coños (con sete edicións publicadas) e Maternofobia, e coescribiu a novela ilustrada Voces que cuentan, todos eles co grupo Planeta.
É cofundadora do congreso As Mulleres que Opinan Son Perigosas, que este ano 2025 chega á súa oitava edición, polo que é un foro xa consolidado e premiado pola Delegación do Goberno nos Recoñecementos Meninas de Galicia 2024, cos que a Administración distingue o traballo de persoas e entidades galegas na loita contra a violencia machista. En 2022 publicouse o libro de entrevistas As mulleres que opinan son perigosas. Catro anos e unha pandemia despois, que resume a primeira edición do congreso con conversas actuais protagonizadas por mulleres xornalistas.
Realizou numerosos relatorios sobre feminismo e igualdade para administracións públicas, asociacións e centros educativos.
Actualmente, é redactora de programas na TVG e colabora en Público.
X: @DianaLovar
IG: @diana.lovar
-
Elena Reina
Elena Reina
Reporteira da sección “Nacional” do diario El País, tras pasar polas seccións de “Madrid” e “Investigación”. Traballou nove anos na redacción deste xornal en México, onde se especializou en temas de narcotráfico, migración e violencia de xénero, concretamente en feminicidios e mulleres desaparecidas. É coautora do libro Rabia: ocho crónicas contra el cinismo en América Latina (Anagrama, 2022) e recibiu o Premio Gabriel García Márquez de Xornalismo á mellor cobertura en 2020.
X: @ellenreina
IG: @elenreina
-
Inés Martín Rodrigo (Madrid, 1983)
Inés Martín Rodrigo (Madrid, 1983)
Xornalista e escritora
Na actualidade forma parte do equipo do suplemento literario Abril, escribe artigos de opinión para os xornais de Prensa Ibérica e é colaboradora de El ojo crítico, o programa cultural de Radio Nacional de España (RNE).
A súa novela Las formas del querer foi galardoada co Premio Nadal 2022 e o Premio da Crítica de Madrid. É autora da novela Azules son las horas (2016), a antoloxía de entrevistas a escritoras Una habitación compartida (2020), o conto infantil Giselle (2020) e o ensaio Una homosexualidad propia (2023). Ademais, participou nas antoloxías de relatos El cuaderno caníbal (2017) e Una Navidad así (2024). En marzo de 2025 publica a súa nova novela: Otra versión de ti.
En 2019 foi seleccionada pola Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento no proxecto “10 de 30”, que recoñece as e os mellores escritores españois menores de corenta anos.
X e IG: @imartinrodrigo
Web: https://www.epe.es/es/autor/ines-martin-rodrigo-1736928
-
Macarena Baena Garrido
Macarena Baena Garrido
Xornalista especializada en feminismo e violencias machistas
Licenciada en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid (UCM) en 1993, Baena leva máis de tres décadas desempeñando a súa carreira profesional na Axencia Efe, onde, desde 2020, dirixe Efeminista, o proxecto multimedia de igualdade da Efe cuxo obxectivo é velar polos dereitos humanos de mulleres e nenas, loitar contra as violencias machistas e darlles visibilidade a todas aquelas que constitúen un referente para a sociedade.
De 2011 a 2019 desenvolveu o seu traballo na sección de “Sociedade”, onde coordinou a información de sanidade, educación, medios de comunicación e asuntos sociais, con especial atención á relacionada con muller e igualdade, na que se especializou.
Recibiu numerosos premios polo seu compromiso coa loita contra a violencia machista, a súa defensa dun xornalismo con perspectiva de xénero e o seu traballo en redes sociais para visibilizar este grave problema estrutural, coma o Premio Clece Social (2017); o Premio Xornalismo contra o Machismo (2019) do Ministerio de Igualdade; o Premio Xornalístico contra a Violencia de Xénero da Fundación Grupo Norte (2020); ou o Premio ao Mellor Medio de Comunicación (Efeminista), concedido pola asociación de mulleres artistas Blanco, Negro y Magenta (2022).
En 2022 o Ministerio de Igualdade volveu premiala cunha Menina pola súa traxectoria profesional contra as violencias machistas e polo seu traballo en redes sociais para visibilizalas; galardón ao que lle seguiron o Premio de Xornalismo e de Comunicación CLABE (2022), o Premio da Federación de Mulleres Progresistas (2022), o Premio Francisquita da Asociación Francisca de Pedraza (2023), o Premio da Asociación de Xornalistas de Cataluña (2023) e o Premio Lourdes Hernández Osorno que concede o PSOE de Madrid Ciudad (2023).
En 2024 recibiu, xunto coa súa compañeira Laura de Grado, o IV Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético pola súa reportaxe Desprotegidas. La realidad de las mujeres migrantes víctimas de violencia de género en España.
De 1998 a 2002 Baena traballou no Departamento de Economía da Axencia Efe, onde asumiu a información macroeconómica ata que, en 2005, foi nomeada xefa da Área de Macroeconomía e Política Económica.
De 1993 a 1998 desenvolveu o seu traballo na Delegación da Axencia Efe en Aragón, onde os dous últimos anos foi coordinadora da redacción.
Impartiu numerosos cursos, entre os que destacan os relatorios e os obradoiros en varios dos eventos organizados por ONU-Mulleres en diversos países de América Latina.
Ademais, foi relatora nos Cursos de Verán da UCM (2022); nos Cursos de Verán da Universidade de Cantabria (2022); e en moitos outros organizados por distintas asociacións de xornalistas e institucións e organizacións non gobernamentais dentro e fóra de España, coma MPDL-Colombia, a Asociación de Mulleres Xornalistas Navarras, o Ministerio de Asuntos Exteriores ou a Universidade de Alxer.
Desde 2018 tamén é profesora do máster para xornalistas da Axencia Efe, onde imparte os obradoiros de Igualdade e Información con Perspectiva de Xénero.
É coautora da Guía de comunicación feminista: https://www.mpdl.org/sites/default/files/231212-guia-comunicacion-feminista-mpdl.pdf
X: @macarena_baena @efeminista_efe
IG: @macarena_baena
Web: efeminista.com
-
María Escario (Madrid, 1959)
María Escario (Madrid, 1959)
Xornalista
Licenciada en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid, é unha profesional de longa experiencia en Radio Televisión Española (RTVE) desde o seu ingreso en 1985. A maior parte da súa carreira profesional desenvolveuna en informativos, tanto como presentadora dos telexornais da fin de semana coma dos deportes en todas as edicións do telexornal.
Tamén formou parte da redacción de programas deportivos, onde participou na cobertura de sete Xogos Olímpicos e decenas de eventos deportivos internacionais, coma mundiais de fútbol, ximnasia, natación, baloncesto ou esquí alpino, seis finais da Liga de Campións, Tours de Francia, catro finais de Copa Davis etc. Ademais, xunto a Pedro Erquicia, participou na creación de novos formatos televisivos, coma o primeiro informativo matinal Buenos días ou o primeiro programa informativo de fin de semana, 48 horas. De 2014 a 2018 foi responsable do espazo Enfoque, emitido no TD-2, Canle 24 Horas e Teledeporte, unha mirada diferente ao deporte e ás súas e aos seus protagonistas.
En 2018 foi nomeada directora de Comunicación de RTVE, cargo que ocupou ata maio de 2021. Desde setembro dese ano exerceu o posto de defensora da audiencia, a figura de servizo público da corporación que atende as queixas, as reclamacións e as suxestións das e dos usuarios sobre os contidos de RTVE. Agora, neste 2025, empeza unha nova etapa tras xubilarse en xaneiro.
Recibiu galardóns coma o Premio Ondas 2013 ou o Premio Zapping 2009, ambos como mellor presentadora, a Medalla de Prata ao Mérito Deportivo do Consello Superior de Deportes (CSD), o Premio Juan Manuel Gozalo, concedido polo Comité Olímpico Español, o Premio Juan José Castillo de Mundo Deportivo, os Premios Joan Ramón Mainat do FesTVal de Vitoria-Gasteiz e FEDEPE (todos en recoñecemento á súa traxectoria profesional) ou o Premio Lilly Álvarez, concedido polo Instituto da Muller e o CSD polo seu traballo para visibilizar as mulleres deportistas, entre outros.
X: @maria_escario
-
María Hermida Feijoo (Rodeiro, 1981)
María Hermida Feijoo (Rodeiro, 1981)
Xornalista en La Voz de Galicia
Licenciada en Publicidade e Relacións Públicas na Universidade de Vigo. Moito antes de que chegase o título universitario, acudiu á delegación de La Voz de Galicia de Lalín cunha carta de presentación tan sincera como elemental, unha simple declaración de intencións: “Quero escribir”. Déronlle a oportunidade de facelo e no ano 1999 comezou a publicar no citado xornal, do que xa nunca se desligou. Primeiro como colaboradora, logo como alumna de prácticas tras cursar un máster de Medios de Comunicación e posteriormente como redactora, a súa carreira está totalmente vencellada a este medio de comunicación.
Así, pasou polas delegacións de Lalín, Vilagarcía de Arousa, Ferrol, Ribeira e Pontevedra. Escribiu practicamente en todas as seccións do xornal, desde sucesos e tribunais ata economía, sociedade, municipal e opinión.
Co gallo da pandemia da COVID-19, estivo na primeira liña informativa, e algunha das súas publicacións figuran entre as primeiras en España nas que se trataba que o virus non se transmitía por contacto, tal e como defendía a Organización Mundial da Saúde, senón polos aerosois. Actualmente traballa na delegación de La Voz de Galicia en Pontevedra, onde está a facer o traballo co que máis se identifica: contar historias humanas, vidas de xente aparentemente corrente que merecen quedar escritas.
X: @mchermidafeijoo
-
María Piñeiro (Lugo,1975)
María Piñeiro (Lugo,1975)
Xornalista
É licenciada en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid e ten un máster de Comunicación en Saúde da mesma universidade.
Cursou durante dous anos estudos de mandarín na Universidade de Lingua e Cultura de Pekín, cunha bolsa do Goberno chinés.
Traballa en El Progreso de Lugo, onde cobre información sanitaria e escribe un artigo semanal de opinión que tamén se publica en Diario de Pontevedra.
En 2024 gañou o II Premio de Opinión As Mulleres que Opinan Son Perigosas co artigo “Hablar”, publicado o 26 de marzo de 2024 na súa sección semanal dos sábados, El portalón.
X: @mpineiroj
-
Noelia Adánez
Noelia Adánez
Coordinadora de “Opinión” en Público. Doutora en Ciencias Políticas e Socioloxía pola Universidade Complutense de Madrid (UCM) e cun máster en Xestión de Institucións e Empresas Culturais pola Universidade de Salamanca.
Durante catorce anos foi docente e investigadora en centros de ensino superior (UCM e Universidade Autónoma de Madrid) nos ámbitos da historia intelectual e cultural, da memoria histórica e da teoría política desde unha perspectiva feminista e de xénero.
Desde 2016 traballa como comunicadora e divulgadora en radio (Onda Cero) e en obradoiros sobre epistemoloxía, crítica e narrativas feministas. Colaborou con La Marea e Público. É coautora dos textos dramáticos Emilia e Gloria, para o Teatro del Barrio, e autora de Carmiña. Os tres monólogos inscríbense dentro da iniciativa teatral Mujeres que se Atreven, que Noelia concibiu e impulsa.
Ademais, é autora dos libros de ensaio Vivir el tiempo, Mujeres e imaginación literaria (2019) e Parentesco animal. Los feminismos incómodos de Doris Lessing y Kate Millet (2023).
IG: @noeliaclasica
-
Olga Rodríguez (León, 1975)
Olga Rodríguez (León, 1975)
Xornalista especializada en información internacional, Oriente Medio e dereitos humanos
Traballou durante máis dunha década na Cadena SER, Cuatro e CNN+ antes de unirse a elDiario.es.
Autora de libros coma El hombre mojado no teme la lluvia. Voces de Oriente Medio (Debate, 2009) ou Yo muero hoy. Las revueltas árabes (Debate, 2012), entre outros.
Recibiu o Premio Honoris Causa Pimentel Fonseca DDHH (Italia, 2019), o Premio Xornalismo e Dereitos Humanos 2014 pola Asociación Pro Dereitos Humanos de España, o Premio Club Internacional da Prensa 2005 polas súas reportaxes desde Gaza e Ciudad Juárez, ou o Premio Colectivo Ortega y Gasset 2003 pola cobertura da invasión e ocupación de Iraq, entre outros.
X: @olgarodriguezfr
Bsky: @olgarodriguez.bsky.social
IG: @olgarodriguezfr
-
Raquel Martos (Madrid, 1971)
Raquel Martos (Madrid, 1971)
Xornalista, guionista e escritora
Desenvolveu a súa carreira profesional en distintos programas de radio e televisión, coma El hormiguero, No somos nadie ou La ventana. Actualmente colabora en Julia en la Onda, de Julia Otero (Onda Cero), nunha sección de actualidade e humor. Ademais, é columnista en infoLibre.
É autora das novelas Los besos no se gastan, No pasa nada, y si pasa, se le saluda e Los sabores perdidos
X: @RaquelMartos
IG: @raquelmartos
-
Raquel Rosa Cid
Raquel Rosa Cid
Xornalista de vocación e profesión: información, entretemento, comunicar, redactar, a última hora, improvisar...
Actualmente dirixe e presenta o programa das madrugadas da Radio Galega, Pensando en ti.
Redactora para os servizos informativos da Televisión de Galicia (TVG), entre decembro de 2011 e xuño de 2024. Leva máis dunha década cubrindo, en directo, as noticias e os eventos máis salientables da comunidade, desde especiais electorais aos eventos máis multitudinarios.
No primeiro trimestre de 2011 cubriu como redactora a Copa Asiática de Fútbol para Al Jazeera na central de Doha, Qatar. En 2010, e durante uns meses, fíxose cargo da delegación da TVG en Lugo. De 2007 a 2010 trasladouse a Portugal e traballou como correspondente para esta cadea.
Participou no TEDxGalicia 2018 cun relatorio titulado "Unha comunicación sexista".
X: @ra_rosacid
IG: @raquelrosacid
Web: https://www.agalegaaudio.gal/videos/category/12953-pensando-en-ti
-
Susana Pedreira Buján (Vitoria-Gasteiz, 1983)
Susana Pedreira Buján (Vitoria-Gasteiz, 1983)
É xornalista, licenciada pola Universidade de Santiago de Compostela. Empezou traballando en comunicación empresarial e institucional, e en 2010 incorporouse á redacción de Onda Cero en Galicia.
Dirixe e presenta o programa local diario Más de uno Pontevedra desde hai quince anos. En setembro de 2015 asumiu a coordinación de Gente viajera de Galicia, un programa semanal centrado no turismo, no lecer, na cultura e na gastronomía.
Ademais, desde 2016 forma parte da programación nacional de Onda Cero co programa Un alto en el camino, catro horas de directo nas mañás da fin de semana que cada verán se emite desde Pontevedra para todo o Estado.
É coautora do libro Oito olladas sobre a folga feminista do 8 de marzo (Editorial Galaxia), no que oito mulleres moi diferentes escriben sobre a súa experiencia ao redor da folga xeral e das mobilizacións do Día da Muller de 2018.
Formou parte do xurado de dous dos premios literarios máis prestixiosos de Galicia: o Xerais (2014) e o Torrente Ballester (2020). En 2017 e 2022 foi finalista nos Premios Follas Novas do Libro Galego, na categoría de xornalismo cultural. Actualmente é comisaria dos premios literarios convocados pola Deputación da Coruña.
É cofundadora do congreso As Mulleres que Opinan Son Perigosas, que este ano 2025 chega á súa oitava edición. Trátase dun foro xa consolidado e premiado pola Delegación do Goberno nos Recoñecementos Meninas de Galicia 2024, cos que a Administración distingue o traballo de persoas e entidades galegas na loita contra a violencia machista. En 2022 publicouse o libro de entrevistas As mulleres que opinan son perigosas. Catro anos e unha pandemia despois, que resume a primeira edición do congreso con conversas actuais protagonizadas por mulleres xornalistas.
X: @SuPedreIG: su_pedre
Novas relacionadas
A Deputación ultima o prazo para presentar artigos á terceira edición dos premios #MulleresQueOpinan
01/04/2025
A Deputación abre este luns o prazo para presentar artigos á terceira edición dos premios #MulleresQueOpinan
16/03/2025
A Deputación defende a importancia de facer da igualdade “un compromiso aberto, que podemos levar entre todos e todas” no foro ‘As mulleres que opinan son perigosas’
14/03/2025