A Deputación abre este luns o prazo para presentar artigos á terceira edición dos premios #MulleresQueOpinan
Con estes premios preténdese promover o exercicio da opinión xornalística por parte das mulleres e fomentar o nacemento dunha nova canteira de opinadoras
16/03/2025
A Deputación de Pontevedra abre este luns 17 de marzo o prazo para presentar artigos aos premios #MulleresQueOpinan, uns galardóns cos que se pretende promover o exercicio da opinión xornalística por parte das mulleres e fomentar o nacemento dunha nova canteira de opinadoras. Serán premiados con 1.000 euros os mellores artigos de opinión escritos en galego e en castelán sobre as temáticas que se abordaron no encontro “As mulleres que opinan son perigosas”, que se celebrou esta fin de semana no Teatro Principal de Pontevedra.
Poderán presentarse aos Premios #MulleresQueOpinan, que promove a institución provincial xunto co Concello de Pontevedra, artigos de opinión sobre a propia experiencia como espectadora ou asistente, así como as temáticas que nel se abondaron, tanto nos relatorios como nas roldas de preguntas. O único requisito é que co propio texto quede acreditada a asistencia ao foro.
Os artigos presentados, orixinais, deben contar cun titular e corpo cunha extensión máxima de 3.000 caracteres (sen contar os espazos). Estes poden ser tanto inéditos como de xornalistas que cubriran as xornadas do foro e publicaran os seus textos nos medios que traballan. As bases están dispoñibles no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e o prazo para presentar as solicitudes, que deberá facerse preferiblemente a través da Sede electrónica da Deputación, pecharase o 8 de abril.