A Deputación defende a importancia de facer da igualdade “un compromiso aberto, que podemos levar entre todos e todas” no foro ‘As mulleres que opinan son perigosas’
A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, xunto co vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, defendeu na inauguración a importancia de “que as administracións traballemos xuntas para e por a igualdade”
14/03/2025
Poñer o xornalismo no centro para reivindicar o papel fundamental que teñen os medios de comunicación e as profesionais que exercen este oficio en prensa, radio e televisión é o obxectivo da oitava edición do encontro “As mulleres que opinan son perigosas”, organizado pola Deputación de Pontevedra e o Concello de Pontevedra e que acaba de inaugurarse no Teatro Principal de Pontevedra. A deputada provincial de Igualdade, Sandra Bastos, participou no acto no que tamén estiveron presentes o vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, a concelleira de Igualdade de Pontevedra, Anabel Gulías, e as coordinadoras do foro, Diana López Varela e Susana Pedreira. Bastos lembrou a importancia de foros como este, “cos que demostramos que a igualdade é un compromiso aberto, que podemos levar entre todos e todas”. Ademais defendeu a importancia de que “as administracións traballemos xuntas para e por a igualdade”.
Entre hoxe e mañá danse cita quince profesionais de diferentes perfís, tanto de Galicia como do resto de España, que converten o Teatro Principal no punto de encontro para visibilizar e reivindicar o espazo que as mulleres merecen no xornalismo e nos ámbitos de poder e de opinión. “É moi importante escoitalas, aprender delas e respectar todas as ideas, porque as mulleres temos a capacidade de escoitar e respectar todas as opinións”, asegurou Sandra Bastos.
Na inauguración, a responsable provincial de Igualdade reiterou o apoio da Deputación a este foro, que inclúe dentro da súa programación polo 8M “Malabares ata cando”, porque “segue sendo necesario afondar en temas que nos preocupan e nos ocupan, e poñer en valor que hai mulleres fortes, con voz propia e moitas cousas que dicir”. Desde que comezou “As mulleres que opinan son perigosas” en 2018 xa pasaron por este encontro 100 profesionais da comunicación, converténdoo nunha marca de referencia no xornalismo de opinión de toda España.
15 poñentes en dúas xornadas
Despois da inauguración de “As mulleres que opinan son perigosas”, esta mañá foi a quenda de María Piñeiro y Antía Yáñez, gañadoras do I Premio de Opinión #MulleresQueOpinan, e de Noelia Adánez, coordinadora de opinión en Público.. Pola tarde subirán ao escenario do Teatro Principal Aida Bao, da Cadea Ser; Inés Martín Rodrigo, xornalista e escritora do Grupo Prensa Ibérica e RNE; Raquel Martos, xornalista e escritora en Onda Cero e infoLibre, e Anna Bosch, correspondente e enviada especial de TVE que escribe opinión en RTVE.es.
A xornada de mañá comezará ás 12:00 horas con María Hermida, de La Voz de Galicia, e continuará con Macarena Baena, responsable de EFEMINISTA, e Blanca Lacasa, xornalista e escritora autora de “Las hijas horribles”. Pola tarde será a quenda de Raquel Rosa, de Radio Galega; Olga Rodríguez, xornalista especializada en información internacional e dereitos humanos de Eldiario.es, e María Escario, xornalista de TVE xubilada.