A Deputación entrega as axudas do programa +Aqua ás comunidades de augas de Moledo e Ardán, en Marín
09/01/2025
O deputado provincial de Acción Comunitaria, Javier Tourís, acompañado da alcaldesa de Marín, María Ramallo, fixo entrega dos documentos acreditativos das axudas do programa +Aqua ás comunidades de augas de Moledo e Ardán. As entidades recibiron un total de 20.000 euros, 10.000 cada unha (o importe máximo), para financiar melloras nas instalacións e o sistema do tratamento da auga, e a instalación dun sistema de cloración automático, respectivamente.
O programa +Aqua beneficiou o pasado ano, na súa primeira edición, un total de 173 comunidades de augas da provincia. A segunda convocatoria xa está en marcha, cun orzamento inicial de 1,2 millóns de euros (un 20% máis respecto ao anterior) para mellorar, reformar ou reparar as infraestruturas e instalacións de auga comunitarias, realizar actuacións de dixitalización, sostibilidade e eficiencia enerxética das instalacións que impliquen unha mellora da auga, mellorar os sistemas de tratamento e impulsar a calidade da auga, para legalizar novas concesións ou renovar as existentes, e tamén co fin de mellorar as captacións e as infraestruturas de almacenamento de auga.