A Deputación destina 280.000 € á posta en marcha dun novo proxecto para apoiar ás comunidades de augas da provincia e complementar o Plan +Aqua

“Estamos tremendamente orgullosos de que o Goberno central avalara esta aposta da Deputación, achegando unha axuda de preto de 250.000 euros que nós completaremos con 30.000 euros de fondos provinciais para continuar apoiando as comunidades de augas da provincia”, remarcou Luis López

20/12/2024

A Deputación de Pontevedra avanza na posta en marcha dun novo proxecto, co que complementa o Plan +Aqua, de mellora da xestión da auga no ámbito rural da provincia de Pontevedra a través da posta en valor das comunidades de usuarios de auga, que conta cun orzamento de 280.000 euros. “Estamos tremendamente orgullosos de que o Goberno central avalara esta aposta da Deputación, achegando unha axuda de preto de 250.000 euros a través do Ministerio de Dereitos Sociais que nós completaremos con 30.000 euros de fondos provinciais para continuar apoiando as comunidades de augas da provincia”, remarcou Luis López. “Estámonos posicionando como referencia en España na Acción Comuntiaria” enxalzou o presidente quen debullou os detalles deste novo proxecto que se suma ao +Aqua lanzado no 2024 e ao +Novaqua que se vai poñer en mracha no 2025.

Entre as actividades a realizar con estes recursos contémplase a creación da Oficina +AQUA, como oficina técnica de apoio á legalización, tecnificación e profesionalización das traídas de augas veciñais e dos seus membros. Ademais, organizaranse dez xornadas de apoderamento de ámbito comarcal coas directivas das Comunidades de Augas da provincia, nas que se realizarán diferentes actividades participativas (de sensibilización e de formación) ao redor da xestión da auga vinculadas coa necesidade de mellorar tamén a propia xestión destas comunidades. Unhas xornadas que rematarán coa celebración  dun encontro para poñer en común os temas abordados nelas e xerar un Libro Branco de directrices de aplicación para a xestión das comunidades.

Ademais, crearase un Observatorio sobre a Xestión da auga no Ámbito Rural que terá entre as súas funcións definir e monitorear os indicadores clave sobre a xestión da auga no ámbito rural e servir como espazo de colaboración e gobernanza compartida sobre esta materia. Por outra banda, organizarase un concurso escolar de ámbito provincial para remarcar a importancia da auga e da súa xestión sustentable e para que as e os escolares da provincia coñezan que son e o valor que achegan as Comunidades de Augas. Por último, poranse en marcha os recoñecementos +AQUA, para premiar as iniciativas e boas prácticas de xestión da auga máis innovadoras impulsadas polas Comunidades de Auga da provincia de Pontevedra.