A Deputación informa en Carballedo sobre os Plans +Aqua e Provincia Comunitaria

Máis dunha decena de asociacións e comunidades de usuarios de augas de Cerdedo-Cotobade recibiron no 2024 axudas por valor de máis de 100.000 euros no marco das liñas de acción comunitaria da Deputación

30/11/2024

 Xuntanza +Aqua e Provincia Comunitaria en Carballedo

A Deputación organizou no Centro Cultural Antonio Fraguas de Carballedo, en Cerdedo-Cotobade, unha xuntanza liderada polo deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, e o alcalde de Cerdedo-Cotobade e tamén deputado provincial, Jorge Cubela, para expoñer os Plans +Aqua e Provincia Comunitaria. En total, preto dunha quincena de asociacións e comunidades de usuarios de augas de Cerdedo-Cotobade recibiron no 2024 axudas por valor de máis de 100.000 euros no marco das liñas de acción comunitaria da Deputación. No conxunto da provincia beneficiáronse do Plan Provincia Comunitaria e do +Aqua máis de 340 entidades, con recursos que ascenderon aos 3,2 millóns de euros.

“Se de algo nos sentimos especialmente orgullosos neste Goberno da Deputación de Pontevedra é de recuperar o programa de acción comunitaria” remarcaron os deputados provinciais ao tempo que subliñaron o éxito acadado e manifestaron o seu desexo de revalidalo no 2025. Ambos dirixentes enxalzaron que a elevadísima demanda da primeira convocatoria respondeu á necesidade que había entre as entidades da provincia e pon en valor que a institución provincial acertou á hora de recuperar estes programas provinciais. Neste eido, de cara ao 2025 a Deputación vai incrementar os recursos dos plans de acción comunitaria nun 20% para amosar que ese compromiso co tecido asociativo vai seguir vixente.

Ademais do incremento dos recursos, o Goberno provincial, tal e como explicaron os deputados, tamén fixo un esforzo para mellorar as prestacións dos programas de acción comunitaria, sobre todo en canto á axilización e de simplificación para que os programas sexan máis accesibles. “Cremos que as asociacións teñen un papel clave na cohesión e no equilibrio territorial da provincia e por iso desde a Deputación imos facer todo o posible para facilitarlle as tramitacións administrativas porque sabemos que facelo é avanzar na construción dunha provincia mellor, na que o proxecto de futuro sexa compartido non só con sinerxías, senón cunha implicación real do movemento asociativo á hora de configuralo”.

Galerias de imaxes