A Deputación de Pontevedra activa os programas de Acción Comunitaria en 2025, con 2,4 millóns de euros para o movemento veciñal e para as comunidades de augas
A institución provincial publicou este venres no Boletín Oficial da Provincia as bases do Plan Provincia Comunitaria, +Aqua e o novo +Novaqua, revalidando a súa aposta pola recuperación da colaboración entre a Deputación e o tecido asociativo da provincia. As solicitudes poderanse realizar entre o sábado 21 de decembro e o próximo 17 de marzo
20/12/2024
Trala súa publicación este venres 20 de decembro no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, a Deputación de Pontevedra acaba de activar os 2,4 millóns de euros que vai destinar o próximo ano aos programas de Acción Comunitaria para beneficiar o movemento veciñal e as comunidades de augas da provincia de Pontevedra. A Deputación renova o Plan Provincia Comunitaria e o plan +Aqua, cunha dotación inicial de 1,15 millóns de euros cada un que se suman aos 150.000 euros mobilizados a través do novo programa provincial +Novaqua. Deste xeito a institución provincial revalida a súa aposta pola recuperación da colaboración co tecido asociativo tras oito anos de falta de apoio, cun compromiso sen precedentes que mesmo recibirá recursos do Goberno central.
A principal novidade é o plan +Novaqua, dotado de 150.000 euros para mellorar a calidade de vida local e satisfacer as necesidades básicas da poboación a través do financiamento dos custos de legalización das traídas de augas. As comunidades recibirán achegas de entre 2.000 e 6.000 euros que poderán empregar para a redacción do proxecto, realización de analíticas, traballos de topografía e gastos burocráticos.
O Plan Provincia Comunitaria recibirá o próximo ano 1,15 millóns de euros, 150.000 máis que o orzamento inicial en 2024. Poderán recibir entre 6.000 e 10.000 € para executar obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais, infraestruturas nas que desenvolven as súas actividades ou espazos que se vaian destinar ao cumprimento dos seus fins. Ademais, tamén poderán adquirir novos equipamentos, mobiliario ou dispositivos informáticos, acústicos e audiovisuais.
Por último, a segunda edición de +Aqua tamén estará dotado en 2025 de 1,15 millóns de euros e 150.000 euros máis que en 2024. As comunidades de auga recibirán axudas de 6.000 a 10.000 euros para mellorar, reformar ou reparar as infraestruturas e instalacións de auga comunitarias, realizar actuacións de dixitalización, sostibilidade e eficiencia enerxética das instalacións que impliquen unha mellora da auga, mellorar os sistemas de tratamento e impulsar a calidade da auga, para legalizar novas concesións ou renovar as existentes, e tamén co fin de mellorar as captacións e as infraestruturas de almacenamento de auga.
A suma dos tres plans supón o maior orzamento para o tecido asociativo da provincia, cun aumento do 20% respecto aos recursos respecto ao ano pasado. Ademais, terán un maior número de beneficiarios potenciais e tamén dunha mellora burocrática, con facilidades de xestión e a simplificación e optimización dos formularios e as peticións de documentación. Ademais, os tres programas irán acompañados dunha liña de apoio, con ata 600 euros por beneficiario, para financiar gastos de xestión e taxas. As solicitudes poderanse formalizar a través da sede electrónica da Deputación desde este sábado 21 de decembro e ata o 17 de marzo de 2025, un prazo 15 días superior ao do ano 2024.