Luis López confirma que a Deputación acaba de recibir 250.000 euros para poñer en marcha un novo proxecto ao abeiro do Plan +Aqua que “avala a nosa aposta pola acción comunitaria”
A institución provincial é unha das 49 de toda España elixidas para recibir financiamento, dos 576 proxectos que se presentaron á convocatoria de subvencións do Goberno central destinadas a entidades locais
22/11/2024
Luis López acaba de confirmar que o Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 acaba de conceder á Deputación de Pontevedra unha axuda de preto de 250.000 € para o proxecto de mellora da xestión da auga no ámbito rural da provincia de Pontevedra a través do apoio e posta en valor das comunidades de usuarios de auga, co que a institución provincial vai complementar o Plan +Aqua. Trátase dun dos 49 proxectos seleccionados para recibir financiamento de toda España, dos 576 que se presentaron á convocatoria de subvencións destinadas a entidades locais, o que “avala –en palabras do presidente- a nosa aposta pola acción comunitaria”. “Vivimos nun territorio onde temos auga en abundancia, pero hai que facela chegar á xente e impulsar un consumo responsable e sostible -recordou López-. E, neste camiño, son fundamentais as comunidades de augas, entidades ás que este ano puxemos no centro da nosa xestión a través do Plan +Aqua, así que esta achega é, sen dúbida algunha, un respaldo á nosa acción política, unha proba máis de que imos por bo camiño”.
Entre as actividades a realizar con estes recursos contémplase a creación da Oficina +AQUA, como oficina técnica de apoio á legalización, tecnificación e profesionalización das traídas de augas veciñais e dos seus membros. Ademais, organizaranse dez xornadas de apoderamento de ámbito comarcal coas directivas das Comunidades de Augas da provincia, nas que se realizarán diferentes actividades participativas (de sensibilización e de formación) ao redor da xestión da auga vinculadas coa necesidade de mellorar tamén a propia xestión destas comunidades. Unhas xornadas que rematarán coa celebración dun encontro para por en común os temas abordados nelas e xerar un Libro Branco de directrices de aplicación para a xestión das comunidades.
Ademais, crearase un Observatorio sobre a Xestión da auga no Ámbito Rural que terá entre as súas funcións definir e monitorear os indicadores clave sobre a xestión da auga no ámbito rural e servir como espazo de colaboración e gobernanza compartida sobre esta materia. Por outra banda, organizarase un concurso escolar de ámbito provincial para remarcar a importancia da auga e da súa xestión sustentable e para que as e os escolares da provincia coñezan que son e o valor que achegan as Comunidades de Augas. Por último, poranse en marcha os recoñecementos +AQUA, para premiar as iniciativas e boas prácticas de xestión da auga máis innovadoras impulsadas polas Comunidades de Auga da provincia de Pontevedra.