Luis López sinala os 1,6 M€ concedidos a 173 comunidades de auga beneficiarias do +Aqua como un paso adiante da Deputación pola sustentabilidade e o reto demográfico
O presidente provincial participa xunto co deputado Javier Tourís no acto de entrega das axudas dun programa pioneiro para recoñecer o labor destas comunidades veciñais
14/10/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salienta a alianza do organismo provincial e as comunidades de usuarios de auga a través do programa +Aqua, que reparte 1,6 millóns de euros entre 173 colectivos de toda a provincia, como mostra do compromiso da Deputación para mellorar os servizos básicos en toda a provincia, da cooperación cos colectivos veciñais e coa sustentabilidade e coidado do medio ambiente. Fíxoo durante o acto de entrega dos documentos acreditativos das axudas ás comunidades de augas beneficiarias do plan +Aqua que tivo lugar esta tarde no Salón de Plenos do Pazo provincial
“Sen auga non podemos vivir, pero por sorte vivimos nun territorio onde a temos en abundancia. Aínda así, non basta. Hai que facela chegar ata as nosas cidades ou aldeas. Un abastecemento que non sempre é doado e mesmo pode resultar moi custoso nalgúns casos, ademais do imprescindible que é facer un consumo responsable. É aí, onde entran en xogo uns actores fundamentais: As comunidades de auga”, recoñeceu o presidente Luis López para clausurar un acto no que se deron cita representantes destas agrupacións procedentes de 43 concellos da provincia que reciben da Deputación un apoio de ata 10.000 euros.
O programa +Aqua é un plan pioneiro posto en marcha este ano por primeira vez polo goberno que encabeza Luis López. Trátase dunha iniciativa dotada con 1,6 millóns de euros para repartir subvencións que oscilan entre os 6.000 e 10.000 euros entre as comunidades de usuarios de auga da provincia para que desenvolvan proxectos relacionados coa mellora das infraestruturas e instalacións de auga comunitaria; implantación de sistemas de dixitalización e eficiencia enerxética que melloren a calidade da auga; a modernización dos sistemas de tratamento; a legalización das novas concesións ou renovación das existentes ou a mellora das captacións e sistemas de almacenamento. A convocatoria resultou un éxito de participación, ao recibir máis de 264 solicitudes, das que 208 foron aprobadas e das cales 35 mantéñense en lista de agarda ao esgotarse un crédito que a Deputación incrementou desde un millón de euros mobilizados inicialmente ata os 1,6 millóns de euros para atender toda a demanda.
“Só dez meses despois do anuncio deste plan pioneiro, reunímonos aquí, na casa de todos os pontevedreses, para selar esta alianza. Hoxe, como vimos facendo ao longo de todo o ano e seguiremos facendo nos vindeiros, tendemos pontes con 173 comunidades de auga de 43 concellos da provincia e hoxe saldamos unha débeda histórica desta institución coas comunidades de auga”, subliñou Luis López.
No mesmo sentido pronunciouse o deputado Javier Tourís, responsable do departamento de Acción Comunitaria e, segundo o presidente López, “principal valedor do movemento veciñal da provincia e artífice deste programa”; ao sinalar que “este plan pon o acento na xeración de sinerxías positivas, sobre todo no rural, e responde ao novo modelo de xestión na Deputación de Pontevedra centrado nas persoas, sustentable e aliñado cos obxectivos do reto demográfico”.
Despois de entregar os documentos acreditativos, amosar o agradecemento da ente provincial polo labor realizado por estas comunidades e lembrar os plans da Deputación para investir máis de 90 millóns no vindeiro ano nos concellos, Luis López manifestou a vontade do seu goberno de seguir “tendendo pontes” co tecido asociativo. “Agora tedes na Deputación un socio leal e sólido”, concluíu Luis López.