A Deputación inicia esta semana cinco novos obradoiros de +Xuntas noutros tantos concellos da provincia

+Xuntas é un programa provincial destinado a promover a igualdade a través de actividades formativas que chegarán neste 2024 a entidades de 53 concellos

21/09/2024

A Deputación de Pontevedra comeza esta semana novas actividades formativas do programa +Xuntas que mobilizarán un total de cinco colectivos doutros tantos concellos da provincia: A Cañiza, Redondela, Salceda de Caselas, Vigo e Vilanova de Arousa. Mulleres de entidades sociais destas localidades iniciarán as actividades formativas incluídas nesta iniciativa da Deputación que busca promover a igualdade, un dos grandes compromisos e obxectivos transversais do goberno da institución provincial.

Este luns 23 de setembro comezan dous obradoiros: usuarias da Asociación de Veciños Agrícola e Cultural san Tome de Parderrubias, de Salceda de Caselas, iniciarán o obradoiro de mindfulness, e da Asociación de Mulleres Rurais As Aceñas, de Vilanova de Arousa, o de ioga. O martes 24 de setembro comezarán o curso de pilates mulleres da Asociación Cultural Traspés, de Vigo; o xoves 26 o de risoterapia a Asociación de Mulleres Rurais da Cañiza Axóuxere, e o venres 27 a Asociación de Mulleres de Chapela Agarimo, en Redondela, empezará o obradoiro de autoestima e comunicación asertiva.

No marco do programa +Xuntas este ano terán lugar 207 obradoiros dirixidos a entidades de 53 concellos da provincia que traballan na promoción das mulleres, apoiando o seu desenvolvemento. O programa ten un orzamento de 325.000 euros e chegará a máis de 5.000 mulleres, xa que cada un dos cursos está dirixido a un máximo dunhas 20-25 persoas. Ás entidades ofrecéronselle 26 obradoiros encadrados en catro bloques temáticos relacionados coa tecnoloxía, a creatividade, o medio natural e a saúde.

Os obradoiros de +Xuntas adxudicáronse a colectivos de Agolada, Arbo, Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, A Cañiza, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, Dozón, A Estrada, Fornelos de Montes, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Lalín, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Moraña, Mos, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontevedra, Portas, Redondela, Rodeiro, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vigo, Vilaboa, Vila de Cruces, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

Enlaces de interés

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.