A Deputación inicia esta semana nove novos obradoiros de +Xuntas en oito concellos da provincia

+Xuntas é un programa provincial destinado a promover a igualdade a través de actividades formativas que chegarán neste 2024 a entidades de 53 concellos

05/10/2024

A Deputación de Pontevedra comeza esta semana novas actividades formativas do programa +Xuntas que mobilizarán un total de nove colectivos de oito concellos da provincia: A Guarda, A Illa de Arousa, Campo Lameiro, Dozón, Lalín, Ponte Caldelas, Tui e Vilagarcía de Arousa. A través desta iniciativa, a Deputación busca promover a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, un dos grandes compromisos e obxectivos transversais do goberno da institución provincial.

Este luns 7 de outubro comezan catro obradoiros: usuarias da Asociación de Mulleres Rurais A Chanciña, de Campo Lameiro, iniciarán o taller de plantas medicinais; da Asociación Cultural Dorna, da Illa de Arousa, o de arte floral; da Asociación de Mulleres Rurais de Fontecarmoa, de Vilagarcía, o de taichí, e usuarias da Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios de Tui o de arte floral.

O martes 8 de outubro darán inicio outras catro accións formativas. Neste caso, usuarias da Fundación Las Samaritanas, de Tui, e da Asociación de Mulleres Rurais Aires del Norte y Olé, de Ponte Caldelas, comezarán o obradoiro de autoestima e comunicación asertiva; da Asociación Mulleres en igualdade A Xesta, de Lalín, o de xardinería, e da Asociación de Familias e Mulleres Rurais Deza, tamén de Lalín, o de artesanía en coiro. Por último, usuarias da Asociación Mulleres Rurais Pena de Francia, de Dozón, comezarán o venres 11 de outubro o curso de arte floral.

No marco do programa +Xuntas este ano terán lugar 207 obradoiros dirixidos a entidades de 53 concellos da provincia que traballan na promoción das mulleres, apoiando o seu desenvolvemento. O programa ten un orzamento de 325.000 euros e chegará a máis de 5.000 mulleres, xa que cada un dos cursos está dirixido a un máximo dunhas 20-25 persoas. Ás entidades ofrecéronselle 26 obradoiros encadrados en catro bloques temáticos relacionados coa tecnoloxía, a creatividade, o medio natural e a saúde.

Os obradoiros de +Xuntas adxudicáronse a colectivos de Agolada, Arbo, Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, A Cañiza, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, Dozón, A Estrada, Fornelos de Montes, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Lalín, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Moraña, Mos, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontevedra, Portas, Redondela, Rodeiro, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vigo, Vilaboa, Vila de Cruces, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.