A Deputación publica as bases da nova edición de +Xuntas, con máis de 300 obradoiros para formar as mulleres da provincia

O programa provincial, que se pode solicitar a partir deste venres, ten un orzamento superior aos 320.000 euros e ofrecerá máis de 200 accións formativas centradas na tecnoloxía, a creatividade, a natureza e a saúde

12/12/2024

A Deputación de Pontevedra publicou este xoves as bases da nova edición do programa +Xuntas, que se desenvolverá en 2025. A partir deste venres, as entidades poderán solicitar as accións coas que a institución provincial busca mellorar a formación básica das mulleres e as súas condicións de vida, promover a súa autonomía individual, así como crear redes de apoio para impulsar a participación activa, a sororidade e a xeración de vínculos entre as participantes.

Trala publicación das bases, mañá venres 13 de decembro ábrese un prazo dun mes (ata o 13 de xaneiro de 2025) para que as entidades soliciten algún dos 26 obradoiros ofertados, distribuídos en catro áreas temáticas: +Tecnoloxía (de alfabetización dixital, socialización e administración de redes sociais e administración electrónica), +Creatividade (pintura, teatro, encontros con lectoras, patchwork, personalización de álbums e artesanía en coiro), +Natura (plantas medicinais, conservación de alimentos, xardinería, hortas ecolóxicas e arte floral) e +Saúde (ioga, pilates, taichí, ximnasia hipopresiva, menopausa de forma saudable, autocoidado, autoestima e comunicación asertiva, musicoterapia, risoterapia e atención plena). En total ofreceranse 207 obradoiros, polo que se poderán beneficiar 207 entidades.

O programa +Xuntas conta cun orzamento superior aos 323.000 euros, e en cada formación poderán participar grupos de entre 20 e 25 persoas, segundo a especialidade. Terán unha duración de 35 horas e todos eles incluirán un módulo específico de sensibilización sobre igualdade, ademais de estar integrada de xeito transversal en todos os contidos.