Luis López anuncia a posta en marcha de +Xuntas 2025, o programa da Deputación para a formación de mulleres que contará cun investimento de máis de 320.000 euros

Ofertaranse en total máis de 200 obradoiros destinados a federacións e fundacións e enmarcados en catro temáticas: tecnoloxía, creatividade, natureza e saúde

22/11/2024

Xunta de Goberno 22-11-2024

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou hoxe a aprobación das bases  do programa provincial +Xuntas para 2025, co que o organismo busca mellorar a formación básica das mulleres da provincia e as súas condicións de vida. Cun orzamento de 323.000 euros, o programa ten ademais como obxectivos, como explicou López, “crear redes de apoio para impulsar a participación activa e a xeración de vínculos entre as participantes, así como fomentar as relacións interpersoais e o intercambio de experiencias”.

“Continuamos así avanzando, a través da formación, para eliminar a discriminación entre mulleres e homes, porque a igualdade é un dos nosos grandes compromisos e obxectivo transversal deste Goberno provincial”, asegurou Luis López. A través de +Xuntas a Deputación ofrecerá 207 obradoiros para federacións e fundacións sen fins de lucro da provincia que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres e apoien o seu desenvolvemento. Unha vez publicadas as bases no Boletín Oficial da Provincia e aberto o prazo de solicitude, cada entidade interesada poderá solicitar un obradoiro entre os ofertados, que se enmarcan en catro temáticas diferentes.

Desta maneira, “+ Tecnoloxía” contempla cursos de alfabetización dixital, de socialización coas redes sociais, de administración electrónica e de administradoras de redes sociais; “+ Creatividade”, con talleres de pintura, teatro, encontros con lectoras, patchwork, personalización de álbums e artesanía en coiro; “+ Natura” inclúe accións formativas centradas nas plantas medicinais, a conservación de alimentos, a xardinería, as hortas ecolóxicas e o arte floral, e, por último, “+ Saúde”, con obradoiros de ioga, pilates, taichí, ximnasia hipopresiva, menopausa de forma saudable, autocoidado, autoestima e comunicación asertiva, musicoterapia, risoterapia e atención plena. Os cursos están dirixidos a un máximo de entre 20 e 25 persoas, segundo a especialidade, e teñen unha duración de 35 horas.

audios