A Deputación abre o prazo para que os concellos de menos de 50.000 habitantes soliciten os 35 millóns do Plan Extra para executar proxectos estratéxicos

O prazo para presentar solicitudes estará aberto durante un mes e permitirá aos concellos levar a cabo actuacións de construción ou mellora de infraestruturas e servizos

 

22/10/2024

A Deputación de Pontevedra abre mañá, 23 de outubro, o prazo para que os concellos presenten solicitudes para recibir subvencións ao abeiro do Plan Provincia Extraordinaria Plan Extra, dotado con 35 millóns de euros. Con estes recursos,  que serán distribuídos por concorrencia competitiva, os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia poderán impulsar novas infraestruturas públicas ou equipamentos, rehabilitar infraestruturas existentes, mellorar ou humanizar espazos públicos urbanos ou naturais, así como desenvolver actuacións que fomenten a recollida separada de residuos de orixe doméstica mediante a adquisición de vehículos, contedores ou outros elementos para cumprir coas obrigas da nova lei de residuos.

Ao abeiro do Plan Extra considéranse proxectos estratéxicos locais os investimentos que sexan fundamentais ou decisivos para a mellora, desenvolvemento ou modernización dos servizos; os que supoñan unha mellora relevante en canto ao equilibrio territorial na prestación dos servizos; aqueles que teñan unha repercusión relevante na prestación de servizos no ámbito superior ao municipal; os que estean previstos nun plan estratéxico ou nun documento de planificación; aqueles con transcendencia en sectores estratéxicos de ámbito local, supramunicipal ou comarcal que incentiven o desenvolvemento do territorio; os que redunden na capacidade do territorio para atraer e fixar poboación, e, por último, os que teñan un compoñente vertebrador dos territorios e para fomentar a igualdade de oportunidades entre o rural e urbano.

Neste sentido, cada Concello só poderá presentar un proxecto e, en función da súa poboación recibirá entre 0,5 e 1,1 millóns de euros. Así, os que teñan menos de 5.000 habitantes recibirán ata 500.000 euros, que servirán para financiar ata o 85 % do orzamento, mentres que o 15 % restante deberao achegar o Concello con fondos propios ou con recursos doutros plans da Deputación ou doutra administración. No caso dos concellos de entre 5.001 e 10.000 habitantes recibirán un máximo de 700.000 para financiar o 80 % do custo, os de 10.001 a 20.000 habitantes, ata 900.000 euros para o 75 % do importe total; e os de máis de 20.000 habitantes, ata 1,1 millóns de euros para o 70 % do investimento global.

O prazo de presentación das solicitudes, que abre mañá, é dun mes, e as bases poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra. Ademais, os investimentos deberán estar executados na súa totalidade o 31 de outubro de 2027 e as axudas son compatibles con outras subvencións, polo que os Concellos poderán contar con achegas doutras administracións sen que a contía do organismo provincial se vexa reducida.