O pleno da Deputación aproba por unanimidade ampliar o orzamento do Plan Extra en 2,8M€, ata os 38M€, para financiar todos os proxectos presentados polos concellos
A sesión extraordinaria serviu para dar o apoio unánime da corporación á modificación das bases do plan para permitir a súa prórroga se fora necesario e para dar luz verde á concesión das subvencións aos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia
07/03/2025
O pleno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres por unanimidade os tres puntos da orde do día nunha sesión extraordinaria que serviu, principalmente, para dar luz verde á modificación de crédito por valor de 2,8 millóns de euros coa que se amplía o orzamento do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra ata os 38 millóns de euros, os fondos necesarios para financiar os proxectos presentados polos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes, a totalidade dos concellos aos que se dirixe este plan extraordinario para executar proxectos transformadores en materia de infraestruturas e equipamentos estratéxicos. No mesmo pleno votáronse favorablemente, co apoio de todos os grupos, a modificación das bases reguladoras do plan, así como a aprobación da concesión das subvencións ao abeiro deste Plan Extra.
Antes da votación, o voceiro do goberno local, Jorge Cubela, resumiu o contido dos tres puntos da orde do día e puxo en valor a transcendencia deste plan extraordinario. “Hoxe traemos a este pleno unha nova mostra do municipalismo que caracteriza ao goberno desta Deputación. Despois de renovar o Plan +Provincia 2025 coa cantidade récord de 48,2 M, despois de duplicar a contía do Plan de Infraestruturas Deportivas de 4 M€ a 8 M€; e despois de lanzar o plan Provincia Extraordinaria, decidimos ir a máis. Aprobamos unha inxección adicional de 2,8 M€ para elevar o orzamento do Plan Extra dos 35 os case 38 M€, para atender a todos os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes”, defendeu o voceiro popular, que subliñou tamén que “é unha decisión tomada polo ben da veciñanza da provincia” e que “vai ter un efecto tractor moi relevante sobre a economía pontevedresa. Se aos 38 millóns de orzamento sumamos o cofinanciamento municipal, está previsto que se mobilicen máis de 60 M€”.
Os 2,8 millóns cos que se complementa o orzamento do Plan Extra proceden de remanentes líquidos de tesourería da Deputación, mentres que a modificación das bases do plan consisten, ademais de incrementar a contía económica, na supresión dunha cláusula que impedía prorrogar os prazos deste plan. Deste xeito, concédeselle maior flexibilidade e autonomía aos concellos para que poidan superar calquera imprevisto e facer realidade os seus proxectos.
Reparto por comarcas
O derradeiro punto da orde do día xirou arredor da aprobación das subvencións aos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Todos os concellos presentaron a súa solicitude e todas foron admitidas, deste xeito o reparto de fondos por comarcas por parte da Deputación queda da seguinte forma: 7,2 M€ en dez concellos de Condado - A Paradanta, incluíndo aquí a Salceda de Caselas; case 10,3 M€ en oito concellos do Baixo Miño e o Val Miñor, 6,3 M€ en seis concellos da área de Vigo, preto de 5 M€ en catro do Morrazo, 5,5 M€ en sete da contorna de Pontevedra, preto de 14 M€ en nove municipios da comarca do Salnés, 1,7 M€ nos dous concellos de Tabeirós-Terra de Montes: A Estrada e Forcarei, e 5,8 M€ nos seis municipios do Deza. “Aprobamos os 59 proxectos estratéxicos presentados polos concellos a este plan, de xeito que todos os concellos -con independencia da cor ou tamaño- van recibir financiamento”, explicou o presidente Luis López na rolda de prensa previa á celebración do pleno.