Luis López presenta ante alcaldes da provincia plans de investimentos municipalistas por valor de máis de 91 M€: “É un apoio sen precedentes aos concellos”

O mandatario provincial anuncia a creación dun novo programa, o Plan Provincia Extraordinaria (Plan Extra), dotado con 35 millóns de euros para execución de investimentos estratéxicos nos concellos de ata 50.000 habitantes

10/10/2024

Luis López presenta os plans de investimentos municipalistas 2025

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presentou este xoves ante alcaldes e alcaldesas da provincia os plans de investimento municipalista que o organismo provincial ten preparados para o vindeiro ano 2025 e que superan os 91 millóns de euros. Acompañado polos membros do seu goberno, o mandatario provincial anunciou no salón de plenos do Pazo provincial a rexedores e edís de todo o territorio a estrea dun novo programa, o Plan Provincia Extraordinaria (Plan Extra), dotado 35 millóns de euros para executar proxectos estratéxicos nos concellos, a segunda edición do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas cun orzamento de 8 millóns de euros, o mantemento do +Provincia como o plan de cooperación máis alto da historia da Deputación con 48,2 millóns de euros, ademais, a aprobación dos orzamentos do vindeiro ano 2025 en tempo e forma para a súa entrada en vigor o vindeiro 1 de xaneiro. “No ano 2025 a Deputación porá a disposición dos pequenos e medianos concellos plans de investimento por valor de 91,2 M€. Nunca antes esta casa puxo tantos recursos ao servizo do municipalismo”, resumiu Luis López.

Diante dos representantes dos concellos de menos de 50.000 habitantes, Luis López presentou a axenda de investimentos provinciais máis “municipalista”. Os 91,2 millóns de euros que suman todos estes plans iguala case ao orzamento aprobado inicialmente na cidade de Pontevedra e corresponde practicamente á suma das contas de Vilagarcía, Redondela, Cangas e Marín, os catro municipios máis poboados da provincia despois de Vigo e Pontevedra, ademais de equivaler a vinte veces máis ca o destinado á adquisición do cine Fraga,. “Esforzámonos na financiación dos concellos como en ningún outro momento. Poñemos todo da nosa parte para que o conxunto dos municipios da provincia afronten os seus retos e necesidades da forma máis solvente posible”, defendeu o presidente provincial.

Un dos anuncios máis destacados da súa presentación foi o Plan Provincia Extraordinaria (Plan Extra), un programa non ordinario dotado con 35 millóns de euros para promover investimentos estratéxicos nos concellos de menos de 50.000 habitantes para levar a cabo actuacións de construción ou mellora de infraestruturas e servizos. Deste xeito, os concellos de menos de 5.000 habitantes poderán acceder a unha subvención máxima de medio millón cunha achega municipal mínima do 15%, os de entre 5.000 e 10.000 recibirán ata 700.000 euros cun 20% de achega mínima pola súa parte; os de 10.000 a 20.000 habitantes terán de máximo 95% e un 25% de achega municipal e os de entre 20.000 e 50.000 habitantes poderán acceder ata 1,1 M€ se achegan un 30%.

“É Un plan extraordinario porque somos un territorio extraordinario, que é quen de progresar se o fai da man e co apoio axeitado. Un Plan extraordinario que se sitúa fóra dos instrumentos habituais. E un plan que primará os investimentos de carácter estratéxico”, explicou López.

Aposta redobrada polas instalacións deportivas

Luis López presenta os plans de investimentos municipalistas 2025

Igualmente destacable é a posta a disposición dos concellos da segunda edición do Plan de Infraestruturas Deportivas, “o que máis me identifica persoal e politicamente”, incidiu López. Na súa primeira edición promoveu investimentos por valor de 7 millóns de euros en 75 proxectos. Un esforzo que terá continuidade no vindeiro ano cunha segunda edición que chegará co dobre de recursos: dos 4 millóns deste ano pasará a 8 millóns de euros. Ademais cada concello contará cunha asignación fixa de 75.000 euros para mellorar as súas infraestruturas, en lugar dos 25.000 euros cos que partían este ano. “Se con 4 millóns fomos quen de avanzar decididamente na modernización do deporte provincial, imaxinen o que podemos lograr co dobre”, contextualizou o dirixente.

Outro programa que acadará o vindeiro ano a súa segunda edición é o +Provincia. O plan de obras e servizos da Deputación volverá ser no 2025 o programa con maior dotación da historia da Deputación ao manter os 48,2 millóns de euros do orzamento. Con todo, chegará cunha importante novidade: “Aqueles concellos que desexen acometer investimentos estratéxicos en 2025, poderán realizar investimentos plurianuais para que poidan iniciar as obras canto antes e dispoñan dun horizonte financeiro claro e estable. Se así o desexan, claro, en base á súa autonomía. Máis flexibilidade e máis autonomía local é necesariamente Máis Provincia”, sentenciou.

Estabilidade e cooperación

Luis López presenta os plans de investimentos municipalistas 2025

A cuarta mensaxe que o mandatario provincial fixo chegar aos rexedores da provincia foi que, unha vez máis, a Deputación aprobará os seus Orzamentos en tempo e forma para que entren en vigor o vindeiro 1 de xaneiro. “Unha mensaxe de estabilidade, de planificación e de certezas nun contexto no que cada vez son máis necesarias, e ás veces tan escasas. Grazas ao traballo intenso do persoal da casa e da estabilidade política que nos deron as urnas”, recoñeceu o titular do goberno da Deputación.

Unha serie de novidades que Luis López definiu como os froitos da colaboración entre institucións. “A ecuación de compromiso municipalista, recursos da Deputación e colaboración dos concellos deu en moi pouco tempo resultados máis que beneficiosos”, sinalou. Neste sentido, o dirixente puxo o +Provincia como exemplo aproveitando que este venres na Xunta de Goberno da Deputación quedará liquidado coa asignación de todos os recursos. “Entre achegas municipais e provinciais permitiu mobilizar máis de 53 millóns de euros: 24,8 M€ en 160 proxectos de mellora de vías e mobilidade, 11,9 M€ en 108 actuacións de servizos ou equipamentos públicos, 4,6 M€ en 45 iniciativas de saneamento e abastecemento, 7,7 M€ en 39 de infraestruturas deportivas, 3,3 M€ en 22 proxectos de eficiencia enerxética e case 720.000 € para 16 parques infantís”, enumerou.

“Levamos feito moito e faremos máis en 2025”, salientou o presidente provincial antes de informar de que a partir do ano 2025 a Deputación de Pontevedra terá que comezar a devolver os créditos bancarios solicitados polo anterior goberno en 2021 para financiar o denominado ReacPon. O Plan Extra é un plan financiado integramente con cargo a ingresos.

López, ademais, celebrou que o clima de colaboración municipal constituíra unha “saudable excepción” dentro do clima político crispado que hai noutros territorios e pediu afondar nesa liña. “A colaboración que mantivemos ata hoxe estou seguro de que seguirá sendo unha constante neste e nos seguintes anos. Tenderemos pontes, un ano máis”.

Luis López presenta os plans de investimentos municipalistas 2025

videos